Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Yeguada Laurel traerá a monta e a doma a Carballo

La Voz LA VOZ | CARBALLO

CARBALLO

Un ex alumno de Fonteboa reabrirá o complexo de Equiber Unha empresaria de Laxe inicia os trámites para construír un minigolf

26 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A afección ao cabalo na Costa da Morte está vivindo unha importante revitalización nos últimos anos cun aumento importante das asociacións equinas e das actividades que estas organizan (festas, rapas, excursións), aínda que, ata o de agora, isto non se traducira nun aumento das posibilidades para aprender a montar, domar e ata dispor dun servizo profesional de coidado destes animais. Para suplir este baleiro, un novo empresario bergantiñán, Roberto Cotelo, decidiu poñer en marcha unha empresa, que se chamará Yeguada Laurel, na que aproveitar a experiencia recibida tras o seu paso pola EFA Fonteboa, onde estudou catro anos, e os dous anos de formación específica en Sevilla. Cotelo explicou o luns no espazo Voces do Agro , de Radio Voz Bergantiños, que coa axuda dos seus pais adquiriu as instalacións de Equiber, na estrada de Razo, que permanecen pechadas desde fai xa varios anos, e que o seu obxectivo é que estean funcionando nun prazo de varios meses. «O anterior propietario só daba paseos a cabalo, pero eu tamén vou facer doma, pupilaxe -servizo de coidado do cabalo dun particular nas instalacións-, doma a domicilio e clases de equitación», precisou Cotelo. Para poder prestar esta ampla oferta de actividades, o empresario ten previsto ampliar as instalacións coa construción dunha pista cuberta que permita traballar tamén durante as épocas de choiva. «Desde Arteixo non hai ningunha instalación destas características e é algo moi necesario porque unha cousa é dar paseos a cabalo e outra é montar», engade. Pese a que a empresa aínda non abriu as súas portas, Cotelo xa avanzou algúns dos prezos que terán que abonar aqueles usuarios que queiran facer uso dos seus servizos: «Un pupilaxe dun mes custarán uns 200 euros, ou 250, se inclúe a comida, e unha doma a domicilio rondará os 20 euros por unha hora de monta». A nova oferta turística da Costa da Morte non acaba en Carballo, xa que tamén no Concello de Laxe poderán verse innovacións nos próximos meses. A empresaria Carmen Pose Blanco vén de iniciar os trámites para construír un aparcamento, unha piscina exterior, un campo de minigolf -será o primeiro da comarca- e unha horta solar na casa de turismo rural que prepara no lugar de A Torre, na parroquia laxense de Sarces. Os terreos nos que prevé levantar as novas instalacións están cualificados como solo rústico de especial protección forestal no Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado de forma provisional e aqueles que se consideren afectados polas obras dispoñen de quince días para presentar as alegacións que consideren oportunas.