Comezou a viaxe que o Seminario de Estudos Comarcais organiza a Portugal para coñecer mellor o seu megalitismo
21 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte comenzou a súa segunda viaxe ao exterior na procura de maiores coñecementos sobre os megalitos atlánticos. Medio cento de persoas emprenderon a excursión. Moitos deles son repetidores que quedaron satisfeitos na saída que o pasado verán fixo a mesma entidade por terras da Bretaña francesa.
A primeira xornada deste novo percorrido comezou sen grandes pedras, pero si nun lugar de gran interese, en concreto no que foi a máis importante cidade proto-histórica do noroeste peninsular, na que sería a Gallaecia para os romanos: a Citania de Briteiros, entre Braga e Gimaraes, en Portugal. Neste lugar chegaron a vivir unhas 3.000 persoas, o que sería a capital dos brácaros antes da chegada do exército de Décimo Xunio Bruto.
O gran castro de Briteiros é un dos lugares paradigmáticos da arqueoloxía peninsular. O seu estudo principiou no ano 1875. Francisco Martíns Sarmiento, arqueólogo, culto, nun xesto sen precedentes, adquiriu a parcela, de 24 hectáreas, onde se atopa o xacemento e dirixiu a primeira excavación. Grazas aos traballos de investigación levados a cabo dende entón foi posible saber que este lugar foi ocupado xa no primeiro milenio antes de Cristo, anque a fase de máis auxe do poboado foron tres séculos ao redor do comezo da nosa era, anque foi habitado dous centos de anos despois durante a chegada dos romanos.
No tempo que durou a visita houbo alusións ao castro da Cidá de Borneiro, onde o verán pasado apareceu una pedra formosa mentres levaban a cabo unhas excavacións. O caso é que en Briteiros atoparon dúas pedras formosas, unha delas con grande decoración, entre o que figura o símbolo que Autopistas do Atlántico tomou como anagrama.
Outro modelo de xestión
A expedición resaltou, a diferenza cos xacementos arqueolóxicos da Costa da Morte, que na Citania de Briteiros hai un centro de recepción que inclúe acceso, polo que hai que pagar 1,5 euros; espazo para atención do público, residencia do garda, cafetería e unha plataforma dende a que é posible ver todo o val do río Ave.
O percorrido, que este titúlase As antas do Alentejo , continuou cara a fermosa cidade de Coímbra, pero con parada para xantar en Caldas de Taipas. Na antiga ponte de pedra sobre río Ave foi necesario que a pasaxe baixase do autobús para evitar que o seu peso causara dano da histórica construción.
En Coímbra houbo visita á zona monumental e ás antigas edificacións da Universidade, sobre todo á Facultade de Dereito. Despois da cea houbo quen disfrutou dos fados, no que foi unha capela neoclásica de finais da segunda mitade do século XVIII. O cantante Mario Pais e os guitarristas Carlos Jesús, Paulo Larguesa e Araujo puxeron fin a primeira xornada da excursión, que nesta ocasión está dirixida pola arqueóloga portuguesa Goreti Sousa.
Ademais do presidente do Seminario de Estudos Comarcais, Xosé María Lema Suárez, e máis a maior parte dos directivos da entidade, a esta expedición tamén se sumaron personaxes como Adolfo Lozano, responsable do Instituto Galego da Universidade de Belgrano; o poeta Miro Villar, e o ex alcalde de Santa Comba e empresario, José Manuel Arufe Rieiro.