Só quedan tres días para que finalice o Festiletras pero será unha fin de semana de moita actividade. Ademais hoxe por fin, os veciños poderán facer uso da reitoral de Cospindo. Alí terá lugar o último capítulo de Etapas para un itinerario pondaliano que, nesta derradeira sesión, estará conducida por Luís Giadás e polos intérpretes Alfonso Franco e Paula Oanés que porán a música cunha arpa e un violín.
Pola noite, os asistentes ás xornadas organizadas por Monte Branco poderán volver á casa do cura para deleitarse cunha sesión de cine con música en directo, a partir das 22.00 horas.
Os escolares continuarán esta mañá participando nos obradoiros de animación á lectura e na actividade informática na que os nenos afondan en Gundar, o conto de Xelucho Abella.
Unha das iniciativas máis destacadas do día será a representación que ofrecerá o actor Fredi Muíño na Casa dos Veciños do Couto. O artista ofrecerá un espectáculo de igualdade que, de seguro, sacará o sorriso a máis dun.
Melodías folk
A música folk soará durante toda esta fin de semana no Couto. Así, esta noite, unha banda de Baamonde, Lamas & Romero, deleitarán ao público coas súas melodías.
Onte, a tarde estivo dedicada á poesía grazas aos intelectuais Lino Braxe e Rómulo Sanjurjo que guiaron aos asistentes na cafetería da praia de Balarés. Os membros de Monte Branco esperan que durante os próximos días pasen polas diferentes actividades convocadas cerca dun millar de persoas para participar no Festiletras 2008.