«Camiñar é un dos deportes máis sans que existen»

L. G.

CARBALLO

Os veciños xa poden anotarse na ruta sendeirista do día 11 de abril e que rematará nos batáns do Mosquetín

26 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Coa chegada da primavera os concellos promoven actividades de contacto directo co medio ambiente. En Vimianzo tras as festas de Semana Santa arrancarán as rutas de sendeirismo que coordina o técnico deportivo, Víctor Santos (36 anos), que opina que as Administracións deben potenciar máis estas actividades físicas a través da divulgación entre a cidadanía e a protección aos camiños dos montes.

-¿Cantos anos levan organizando estas rutas?

-En Vimianzo comezamos no ano 99. O que buscamos son actividades que teñen un marcado carácter deportivo, pero isto non é único. Tense en conta tamén a beleza paisaxística e o valor patrimonial, ademais da sinxeleza, para que poida participar o maior número de veciños posible.

-¿Cal é a lonxitude ideal?

-O normal é que as rutas estean entre os 10 e os 15 quilómetros, ademais, non se trata de camiñar simplemente, xa que o normal é que se vaia parando en puntos concretos do traxecto para dar algunha explicación sobre o lugar. Sempre levamos coches de apoio por se alguén se cansa, pero non soe ser o caso. Estas rutas están recomendadas para toda a poboación e, de feito, participan nenos nalgunhas.

-¿Esixen algún tipo de preparación?

-Camiñar é un dos deportes máis sans que existen e o ideal é facelo todos os días. O que recomendamos é sempre ir ben preparado, con calzado cómodo -que a ninguén se lle ocorra estrear ese mesmo día-, ademais hai que ir protexidos para o sol e levar algo de comida para a ruta, como froitos secos. A bebida tamén é importante.

-¿Cales son as mellores rutas que fixo na Costa da Morte?

-Temos unha comarca privilexiada en canto a paisaxe. A subida ao Monte Pindo é impresionante. Unha das rutas máis bonitas que hai é a que vai de Cereixo á lagoa de Traba, pois permite entrar en contacto con tres paisaxes diferentes, o río a montaña e a costa. O próximo 11 de abril faremos unha que sae de Vimianzo e chega aos batáns do Mosquetín, que tamén é moi bonita.

-¿Cre que se debería potenciar mellor o sendeirismo na comarca?

-Moitísimo máis, a veces non somos conscientes do privilexiados que somos. O problema está en que cada día asfáltanse máis camiños do monte, cortando deste xeito ás rutas. Os concellos deberían ter moito máis respecto por isto, xa que seguro que hai outras solucións para facer accesibles os camiños sen a necesidade de prexudicar ao monte.