«En Galicia hai moitas persoas que non exercen como galegos»

CARBALLO

Vén de publicar a novela «O náufrago» en relato ambientado na Costa da Morte que presentará na zona nos vindeiros meses

31 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

José Antonio Pet Posse (Tella, Ponteceso, 1941) é un galego convencido. Leva desde os 16 anos vivindo en Cataluña e ten unha boa cantidade de libros publicados. A maioría en castelán, conta. Pero, pese á distancia, pese ao escaso contacto coa lingua nai e pese a que recoñece ter maior soltura co castelán, recoñécese galego militante e fala en galego tan pronto como intúe que o seu interlocutor é desa procedencia. A súa última novela, O náufrago , está escrita tamén en galego. -¿Por que en galego? -Cada vez que torno a Galicia chego con esas ansias de beberme a esencia do galeguismo, e tamén quedo moi decepcionado porque en Galicia hai moitos galegos que non exercen como galegos. Os que exercemos somos os que estamos fóra. Moitos en Galicia tómanse o de ser galegos a cachondeo. En vista de todo isto, decidín artellar a miña última historia en galego. -Non é o seu primeiro libro neste idioma. -Teño outros dous libros nesta lingua, pero esta é a primeira novela longa. O náufrago escribino en galego para facer unha achega modesta á nosa lingua. Si consigo que a lean na Costa da Morte e que alguén diga, mira, este señor escribe en galego e non perde categoría, estará ben empregada. Ademais, é un libro que pode ler calquera, un peón ou un catedrático. Un libro meu é como comer cacahuetes: un parágrafo tira polo outro. -Goza da súa lingua. -Para escribir o libro púxenme ao día na normativa. Eu non renuncio ao galego. Cando poño un pé en Galicia xa non falo outra cousa, e chámanme a atención os galegos que non viven a galeguidade. É certo que os cataláns pásanse. Agora en Galicia hai unha esquizofrenia total co galego. Ninguén ten nada contra o castelán, pero non perdamos de vista que nós somos galegos. Para ser españois hai que ser de algún sitio. -O libro publicouno a editorial Sotelo Blanco. ¿Que historia conta? -Lendo un libro sobre naufraxios na Costa da Morte, ocorréuseme pensar cómo sería aquilo hai máis dun século. O relato está baseado nun naufraxio acontecido en 1897, o do City of Agra . Son as aventuras e desventuras dun mozo escocés que ía a bordo do buque e que estaba destinado na vida a chegar á Costa da Morte. -¿En que lugares está ambientada a trama? -Sobre todo en Soneira. Aparece Camelle, Vimianzo, A Ponte do Porto, Muxía, Santa Comba e Santiago. É unha historia un pouco rocambolesca. -E xa leva, con este, doce títulos publicados. ¿De onde lle ven a paixón pola literatura a Xosé Antonio Pet? -Eu son contador de historias. Outros nacen para xogar ao fútbol ou para ser arquitectos, eu nacín para escribir. Sempre tiven ese veleno no sangue. Parte da culpa tena Francisco Javier Alcántara. Foi o meu profesor nos Maristas e premio Nadal en 1956, e unha persoa que facía amar a literatura. Ademais, eu sempre fun un home con moita fantasía e imaxinación. -¿Cando presentará a novela en Galicia? -Estou mirando de ir por alí en xaneiro ou febreiro e presentala en Carballo, Ponteceso, A Coruña e Vigo.