O longo camiño desde Kobe ata Muxía

Manuel Suárez Suárez

CARBALLO

25 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O noso vello megalítico está agardando que a súa casiña estea preparada para achegarlle unha invitación oficial ao seu amigo xaponés Yoshiro Tachibana. Quere que o pintor de Kobe opine sobre a coiraza arquitéctonica que lle protexerá dos longos invernos que se adoitan suceder polo Chan de Borneiro.

Hai máis de corenta anos que non fala con el, pero lembra que cando se instalou entre as pedras muxiás dixo que xa vira mundo abondo. Todo o que quixera saber de agora en diante estaba naqueles penedos e nas voces das escumas que viaxan no vento mareiro. O que máis lle sorprendeu daquel artista e filósofo foi a súa louvanza de Picasso e das pinturas rupestres. Estivo parolando máis dunha hora sen deixar de mirar as pinturas que aínda lle quedan nos baixos dos seus magoados esteos.

Yoshiro afirmaba con convencemento que a beleza é subxectiva. Está na mente e depende do sentimento. Iso si que está ben razoado, pensou daquela don Dombate, para quen a súa decoración non era unha mostra de arte, senón máis ben o pasatempo duns rapaces prehistóricos que se puxeron a xogar cunha mestura de landras, caolín e carbón.