Un artista perenne coma o buxo

Xosé Ameixeiras
X. ameixeiras CARBALLO / REDACCIÓN

CARBALLO

Vimianzo homenaxeou de forma masiva ao pintor Antón Mouzo

11 sep 2011 . Actualizado a las 19:44 h.

Antón Mouzo converteu a súa terra natal en arte universal. Aínda así non llo tivo presente e deixouno catro anos no esquecemento. A o venres. O pobo de Vimianzo recuperou a memoria do artista cunha homenaxe multitudinaria co gallo da inauguración dunha sala de exposicións na Casa da Cultura que levará o seu nome e unha mostra de parte da súa obra.

O auditorio municipal estaba ateigado de vimianceses desexosos de cumprir «un acto de xustiza histórica», como cualificou o alcalde. Familiares, veciños, políticos locais e amigos do pintor quixeron darlle un longo aplauso ao legado de Mouzo. Houbo momentos de emoción, ao que contribuíu o clima creado polos organizadores. As notas do piano de Xoán Antelo e Alejandro Angües fixeron amolecer a sensibilidade que tamén foron alimentando os oradores da tarde: Xosé Manuel Villanueva, escritor e guionista; Viki Rivadulla, pintora e artesá muxiana, e o propio alcalde, Manuel Antelo.

Villanueva afondou na dimensión artística do homenaxeado. Para el, «é un motivo de gozo» o acto do venres, pero tamén é unha mágoa que o autor non puidese ter seguido coa vida creativa. Un dobre sentimento que flotaba no ambiente da Casa da Cultura. «Magnífico, excelente artista», de «calidade excepcional». A obra de Mouzo marca un estilo propio pola súa maneira de facer, por máis que o propio pintor vimiancés deixara escrito: «O meu estilo é non ter ningún estilo». Aínda así os traballos de Antón son inconfundibles.

Mantivo varios discursos ao longo do tempo, pero a súa actitude artística é unitaria, veu a dicir Xosé Manuel Villanueva, cuxa intervención era loada nos asentos polos máis entendidos. Antón Mouzo era «simultaneamente varios pintores nun».

Por outra banda, a súa obra era algo tan vencellado ao material que non só pintaba, tamén facía a pintura, recollía materais da natureza para crear os seus cadros, que estaban feitos sobre soportes dos que tamén era autor.

Á fin, salientou que o creador soneirán estaba embarcado nos últimos tempos no uso de ferramentas dixitais para convertir as súas creacións de ordenador en material de pintura.

Villanueva rematou dicindo que queda un gran labor por diante para dar a coñecer e ser conscientes da verdadeira dimensión da obra do homenaxeado.

O alcalde dixo grazas varias veces, sobre todo á familia do creador soneirán por contribuír a recuperar a figura de Mouzo. «Nunca é tarde para recoñecer e presumir do bo que xurdiu do noso pobo». Antelo inaugurou a sala de exposición da Casa da Cultura, que pretende ser un espazo vivo, e que para Viki Rivadulla, será, «sen dúbida, emblemático».

Viki Rivadulla empezou sumándose ao acontecemento: «Con eles estamos toda a Costa da Morte e todas as persoas que amamos a arte e a cultura». De Antón Mouzo dixo que «é o máximo expoñente da arte da Costa da Morte: El ensinounos a ver o que hai tralas cousas, a natureza é máis natureza nos seus cadros».

Tamén cantou as excelencias deste Fisterra e o seu vento do nordés, que deixa sucos e pegadas no mapa espiritual dos seus habitantes e que tamén inspirou a Lugrís, Maruxa Mallo, Tachibana, Detleff Kappeler, Xurxo Martiño, ao mesmo Man ou a Antonio Nodar.

As notas do piano e máis un traballo videográfico de Xavier Villaverde sobre a mellor obra de Mouzo foron intercalándose entre os discursos, que remataron coa inauguración da sala e da exposición.

Os cadros do artista estaban tan vivos coma sempre e tan perennes como as botas de buxo que figuran no centro da sala.