«Somos ?mourinhistas? e gústanos meter o dedo no ollo»

Ramón rivera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O actor dumbriés avisa de que na compañía Talía que actúa o domingo en Carballo son «un pouco incendiarios»

15 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O dumbriés Artur Trillo é o director da compañía ceense Talía Teatro. Mañá representan en Vimianzo a obra Pelos na lingua, na que tamén actúa e coa que levan desde febreiro deste ano. En Talía fan un teatro divertido e comprometido coa realidade. «Foi unha aposta da compañía desde sempre. Levamos anos traballando a favor da lingua». E avisa: «somos un pouco incendiarios, así que [o domingo] algunha broma faremos ca Casa da Cultura. Somos mourinhistas e gústanos meter o dedo no ollo. Hai para todos», di entre risas.

Trillo Sendón, todo un veterano da escena galega, non descarta que haxa unha terceira parte de Bicos con lingua, na que conten a situación do galego. Sería un paso máis nos 23 anos de vida da compañía, nos que houbo «máis cousas boas que malas», pero «sempre con gran respecto á profesión e ao público. Tendo como referencia quen somos, de onde vimos. Vimos do teatro afeccionado e pouco a pouco fómonos formando dun xeito case autodidacta e con moito traballo». Artur Trillo pide pouco. Non quere máis que «un pequeno local para ensaiar e que nos chamen para actuar». Nada de grandes pazos nin casas da cultura, «que teñen unha factura da luz moi grande», bromea.

-¿Que lle gustaría ler no xornal?

-Aínda que soe ñoño ou utópico, que se acabe a fame no mundo e que haxa paz.

-A felicidade é...

-Ter a conciencia tranquila.

-¿É máis de falar ou de escoitar?

-De falar, aínda que me pese.

-Unha frase que repite moito.

-En fin.

-De non ser actor, sería...

-Téñoo moi claro, traballaría para unha empresa que fai guías de viaxes. Para ter que viaxar polo mundo e ir aos mellores restaurantes e hoteis a comprobar que son bos.

-¿Os seus zapatos favoritos?

-Os que están moi gastados e usados e que hai que tirar.

-¿Versión orixinal ou dobraxe?

-Versión orixinal, claro.

-¿Usa Internet no móbil?

- Págoo, pero non o uso. Cánsame. Non son nada moderno.

-Se puidera vivir outra vida sería...

-Unha persoa normal, pero dunha cultura totalmente diferente. Un indíxena do Amazonas, por exemplo.

-¿Que toma no descanso de media mañá?

-Un café con leite e donuts. Xa sei que están feitos de porcalladas, pero están moi bos.