Unha visión parcial, por superficial e paupérrima, da diversidade cultural española é o que transmiten as revistas ilustradas editadas en Madrid a finais do século XIX e comezos do XX. As rexións periféricas ou mundo de «provincias», cando aparecen, transmítense en moitas ocasións a través dunha óptica do estereotipo: costumismo, folclore, pintoresquismo. E aí están tamén, por suposto, Galicia e os galegos. As colaboracións bastante intensas de Emilia Pardo Bazán ou Wenceslao Fernández Flórez, así como reseñas de Rosalía de Castro ou Concepción Arenal, compensan a colección de tópicos da nosa terra: labregos, mariñeiros e gaiteiros, as paisaxes do rural ou da costa, o mar.
Mais algunha excepción confirma esta regra, baseada nos prexuízos da lexión centrípeta que confundía, e aínda confunde hoxe, Madrid con España. Referímonos ao publicado o 6 de xullo de 1901 nunha celebérrima e emblemática revista ilustrada con sede na madrileñísima rúa Serrano. Na sección Actualidades e en páxinas contiguas, prodúcese o milagre: Galicia eríxese en protagonista absoluta. A feliz coincidencia reúne tres contidos relacionados coa nosa terra: xunto a unha viñeta na que a muller Galicia e o home Portugal se funden nunha fraternal aperta, dúas novas de actualidade remiten á incipiente reivindicación do papel da muller na encorsetada sociedade da época, e ademais con protagonistas moi sobresaíntes.
Nunha das novas infórmase dos Xogos Florais celebrados en Ourense, nos que se procede á lectura do «magnífico discurso acerca de los males que afligen actualmente á España, discurso digno de la ilustre pensadora coruñesa, que tan legítima fama disfruta en nuestra nación». Efectivamente, é ela: dona Emilia, presenza impoñente e arroladora na fotografía que ilustra a noticia.
Da outra nova deu conta La Voz hai non moito tempo nestas páxinas locais: a voda de Marcela e Elisa-Mario, unha parella de namoradas vinculadas profesionalmente ao ensino en Bergantiños (Couso), Soneira (Calo) e Fisterra (Dumbría). Paga a pena reproducir o texto íntegro, para que o lector xulgue o enfoque dado a tan escandaloso asunto:
«El asunto verdaderamente folletinesco del cual se ocupan los periódicos diarios bajo el epígrafe de Dos mujeres que se casan ha producido extraordinaria expectación por lo extraño y anormal de su desarrollo. El fotograbado que publicamos representando el grupo constituído por Marcela Gracia y su amiga Elisa Sánchez Lóriga, o sea Mario, resulta bastante interesante, y lo hemos obtenido de una fotografía que publica nuestro estimado colega La Voz de Galicia, periódico de La Coruña. Dicho grupo fotográfico es el que se hicieron los recién casados inmediatamente después de su matrimonio, y tiene todo el carácter de los retratos de novios obtenidos al salir éstos de la iglesia. Por lo anómalo del caso y la expectación producida publicamos nuestro fotograbado, en el cual pueden apreciarse claramente las fisonomías de las dos originales amigas».
A actitude profesionalmente impecable do recoñecemento da fonte da que se obtén a información, neste caso La Voz, contrasta cun feito curioso: a manipulación fotoxornalística da fotografía. A orixinal, en sepia e tirada no estudio Sellier, foi publicada nestas páxinas; o fotograbado publicado en Madrid en 1901 difire nalgúns detalles con respecto á fotografía orixinal: de peor calidade, Elisa-Mario mira a cámara e ademáis leva na man sombreiro masculino e paxara, engadidos falsos nun afán de masculinizar ao noivo mediante prendas de varón. Unha burda trucaxe fotoxornalística que non invalida un episodio sen dúbida singular, protagonizado por galegas e desde Galicia, e que puido facerse un oco na ensimesmada prensa da «Villa y Corte».