«En Laxe escribín algunhas das miñas cancións»

carballo / la voz

CARBALLO

Santi M. Amil

22 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

café con... xil ríos

En 1971 o Festival Bahía, celebrado en Vigo, abriulle as portas a Xosé Antón Xil Ríos, que dende entón sería coñecido sobre os escenarios polos seus apelidos. Comezaba entón a carreira do que hoxe é considerado unha lenda viva da cultura galega. Foi un dos cantantes que máis discos venderon nos oitenta, unha época que, segundo dixo en Voces de Bergantiños, nada ten que ver coa actual. «Agora a maioría dos artistas, sobre todo en Galicia, teñen que vender os seus discos nas propias actuacións e facer unha produción é dificilísimo».

Hoxe os festivais, por desgraza, tampouco abren as portas das multinacionais, coma lle ocorreu a el. «Iso, por desgraza, acabouse. Cando eu fichei por Philips Fonogram, alí había un estudo monstruoso e estabamos alí centos de artistas como Miguel Ríos, Os Chichos, Perales, Demi Roussos, Paco de Lucía, Nino Bravo... Cada vez que ías facer unha gravación era raro que non coincidiras con algún. Aquilo era impresionante e iso xa non existe», lamentouse o artista.

«A historia musical cambiou por completo e xa non hai apoios, e case nin existen casas discográficas», contou Xil Ríos, quen confesa que xa se sinte «fóra de todo este cotarro».

Tamén explicou que sinte un cariño especial por Laxe, localidade á que chegou hai moitos anos por casualidade. «Acolléronme como se fose un veciño máis e fixe grazas amigos», asegurou Xil Ríos, quen desvelou que en Laxe compuxo moitos dos seus temas. «Ía pescar, corría pola praia, ía á lonxa... Pasei momentos marabillosos en Laxe», explicou.