No día de Fin de Ano fomos golpeados pola noticia da morte dunha nena de tres anos nun accidente de tráfico acontecido no cruce da praza Enrique Labarta Pose de Baio, enfronte da que fora casa natal dese famoso escritor. É o principal punto negro da zona, nun cacho de estrada baixo o control da Deputación.
O macabro paradoxo do destino é que os veciños do lugar xa víamos vir unha traxedia coma esta. Por tal motivo levamos máis dunha década advertindo da perigosidade extrema dese cruce. Quen o atravesa ten escasa visibilidade dos coches que veñen de ámbolos sentidos da vía principal: cando os ves, xa están enriba de ti. Polo tanto, cruzar é como xogar á ruleta rusa, máxime se o coche circula violando os límites de velocidade. É de absoluta urxencia tomar medidas, tanto de regulación da velocidade como de eliminación dalgunhas barreiras que impiden a visibilidade; medidas como as que se veñen reclamando en diferentes escritos enviados nestes anos. ¿Onde foron parar eses escritos?
Non crean que o problema está só no cruce: neste anaquiño de estrada, que non chega nin a dous quilómetros, están distribuídos a saída do colexio de Baio, a do centro de saúde, a área do parque infantil das escolas Agra Regueiro, a igrexa nova e, nun dos seus extremos, a igrexa vella. Todos eles son puntos nos que se producen concentracións de xente. Todos eles son puntos ameazados por cambios de rasante e curvas pechadas, polos que vemos pasar a diario coches disparados; moitos, xa que, para colmo, este curto tramo fai de atallo da AC-552 coa estrada a Ponteceso.
Hai uns anos viñeron uns técnicos pintar as raias da estrada. Un grupo de veciños abordámolos directamente e, tras moito insistir, conseguimos que pintasen no chan un sinal de limitación a 50 km/h, que está a escasos metros de onde se produciu o accidente. Ese círculo pintado no asfalto é todo o que conseguimos nestes anos, e grazas.
Son frecuentes os arrepiantes sons dos pneumáticos freando no asfalto. Ata agora, os accidentes tiñan consecuencias dolorosas, pero reparables: había coches desfeitos, ósos rotos... nada que non se amañase nun taller ou nun hospital. Desgraciadamente, o deste Fin de Ano xa non ten remedio. Por favor, que non volva a pasar.