Vimianzo continúa coa posta en valor dos seus artistas

marta valiña CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Fuentes, xunto a unha das obras da exposición.
Fuentes, xunto a unha das obras da exposición. ana garcía< / span>

A sala de exposicións dedicada a Antón Mouzo acolle ata finais de marzo unha mostra do escultor Suso Fuentes Canosa

27 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Rodeado de amigos, familiares, veciños e amantes da arte, o escultor vimiancés Suso Fuentes Canosa inaugurou onte na Casa da Cultura da súa vila a súa primeira exposición, Pedras. Loxicamente nervioso, pero moi ben arroupado, o artista amosou na sala dedicada ao pintor Antón Mouzo algunhas das pezas da súa orixinal obra, na que o clasicismo das pedras máis nobres mestúrase coa modernidade das formas e da cor.

Con esta exposición, que poderá verse ata o vindeiro 31 de marzo (de luns a venres, de 08.30 a 20.00 horas e os sábados, de 09.30 a 13.30) o Concello de Vimianzo dá un paso máis no seu esforzo por dar a coñecer as obras dos artistas locais, dos que, subliñou a nai de Suso Fuentes, Dolores Canosa, todos os vimianceses teñen que sentirse orgullosos. Onte ela estábao por partida dobre: como nai do protagonista da noite e como veciña de Vimianzo, feliz porque a Terra de Soneira sexa berce de grandes artistas, como Antón Mouzo, Xurxo Martiño ou Antonio Nodar, cuxas obras xa se puideron ver na Casa da Cultura.

Orgulloso amosouse tamén o alcalde vimiancés, Manuel Antelo, que recordou os versos de Como tú, un fermoso poema de León Felipe: «Así es mi vida, / piedra, / como tú; como tú, piedra pequeña; / como tú, /piedra ligera; / como tú, /canto que ruedas / por las calzadas / y por las veredas».

inauguración de «pedras»