O intérprete estará en Carballo o venres próximo co exitoso montaxe
14 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Famoso polo seu papel na serie Matalobos, Luís Iglesia B (Riotorto, 1962), regresa agora ao teatro cun dos espectáculos máis importantes da tempada, Gaivotas subterráneas, no que sigue a compartir protagonismo cun dos seus compañeiros televisivos. A súa seguinte parada será o venres da próxima semana no Pazo da Cultura de Carballo (21.00 horas).
-¿Contaban ter tan boa acollida?
-Cando preparas as cousas falo co ánimo de que funcionen, de que á xente lle guste, de arrastrar moito público... e máis neste caso, que é unha iniciativa privada, das rarísimas veces que se xuntan tres empresas para producir unha obra sen ningunha subvención. A este nivel a presión é aínda mellor no sentido de que ten que funcionar, tes que encher o teatro para que a cousa siga adiante, para que resulte rendible e as empresas queden con ganas de volver a intentalo. Pero nunca sabes ata que a obra está na rúa se vai a gustar ou non. Neste caso tivemos unha acollida moi grande de público e o que nos chega é que lles está gustando a función.
-¿En que medida a popularidade televisiva axuda a ese éxito?
-Intentamos facer unha cousa moi sólida, de moita calidade e que lle guste á xente. Pero tamén xogabamos co feito de que somos caras coñecidas por Matalobos. De feito está indo moita xente ao teatro que non é habitual. Ademais, que é unha ilusión que tamén tiñamos, esa xente queda con ganas de ver máis pezas, non só nosas senón doutros actores. Isto fai que dalgún xeito lle esteamos devolvendo ao teatro un pouco do moito que nos ten dado.
-¿Compartindo escenario cun compañeiro de Matalobos non lles volve á cabeza a serie en ningún momento ?
-Non, non. Somos actores e en cada momento estamos ao que estamos. Ademais temos a satisfacción de que xente que nos vai ver ao teatro pola serie e que non se imaxina o que vai ver esquécese ao minuto dous dos personaxes de Matalobos, Estes non teñen nada que ver.
-Pero na trama da obra tamén se traspasa a lei.
-Si, pero é outra cousa. Isto é un psicothriller, pero realmente é un tema de amizade e de perdedores. Hai un asunto ilegal polo medio, pero non é o miolo da cuestión. É algo que ten que pasar para tensionar unha relación e ver ata onde pode chegar.
-Xabier Deive [coprotagonista] contou que nun principio pensaron en facer dúas montaxes paralelas alternando os papeis.
-A idea era moi atractiva, tanto para o público, que non sabería cada día quen ía facer cada papel, como para nós como profesionais polo feito de que veriamos a peza desde os dous lados e teriamos que facer algo distinto ao compañeiro. Pero requiriría moito tempo de ensaios e, polo tanto, máis gastos.
-¿Será a súa primeira visita profesional a Carballo?
-Xa estiven hai moitos anos, pero seguro que teremos unha boa acollida porque todo o traballo que se fai con festivais e escolas de teatro nótase. O outro día estivemos en Narón e había 600 persoas. Iso para nós é ouro en pano, aínda que temos que estar preparados para calquera situación. Xabier e máis eu témolo falado moito e estamos de acordo en que calquera que nos veña a ver ten dereito a ver o mellor de nós. Témolo que dar todo en cada función independentemente das condicións, do día que teñamos e da cantidade de público que vaia.
LUíS IGLESIA B. coprotagonista de «gaivotas subterráneas»