Artur Trillo: «Este é un proxecto difícil de clasificar, é un experimento»
CARBALLO
A montaxe «Gaivotas subterráneas», producida por RTA, Voz Audiovisual e Talía Teatro chega mañá a Carballo
18 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Artur Trillo (Cee, 1968) é a terceira pata do proxecto de Gaivotas subterráneas en máis dun senso. A compañía que dirixe, Talía Teatro, repártese as responsabilidades da produción a partes iguais con Voz Audiovisual e RTA, e o propio Trillo é, como director, a terceira cara visible dun espectáculo que xunta no escenario aos recoñecidos actores Luís Iglesia B. e Xabier Deive. A súa próxima parada será mañá no Pazo da Cultura de Carballo (21.00 horas).
-¿Que destacaría da montaxe?
-Unha das cousas é que non estamos falando dun espectáculo da compañía Talía. É unha coprodución de tres partes onde realmente a compañía é un terzo. Nós asumimos a dirección, máis a parte da produción e a distribución e o traballo de ensaios. Pero hai unha parte moi grande que non nos corresponde. Este é un proxecto difícil de clasificar; é un experimento.
-¿Foi moi diferente traballar deste xeito a facelo co elenco habitual de Talía?
-Evidentemente, eu estou moi afeito a traballar con xente que non é da compañía porque dou cursos en moitos sitios de Galicia. O que si se fixo complexo foi formar parte dunha coprodución a tres bandas, porque calquera decisión requiría sempre dun consenso. Pero en todo este proceso non houbo ningún tipo de conflito, foi todo a favor e as tres partes estamos contentas co resultado. Ademais a orixe é, entre comas, comercial, no senso de que realmente dispoñemos de dous actores televisivos, cuns rostros moi coñecidos polo espectador, e xogamos cun thriller que ten moito que ver co traballo feito por eles para que o público non os vexa moi distantes. Neste caso foi como traballar sobre seguro. Esa é a base do espectáculo, aproveitar o que ten de bo o elenco, o texto e as tres partes implicadas na produción.
-E polo que se ve, este «experimento» está indo bastante ben.
-Si, nós estamos satisfeitos co resultado e con respecto ao público, moi contentos. O único inconvinte da produción foi que nos últimos meses houbo unha certa inseguridade coas programacións dos concellos, unha certa inestabilidade e unha certa deixadez por parte da Administración autonómica por non seguir coa política dos últimos anos. Houbo un impasse que lle fixo moito dano ao teatro. Este espectáculo naceu xusto no peor momento.
-Vostede tamén participou en Matalobos como actor. ¿Fáiselle estraño dirixir agora a Xabier Deive e Luís Iglesia B?
-Si, si, fáiseme. Con Xabier Deive non cheguei a coincidir, pero con Luís Iglesia si que o fixen e alí estabamos de igual a igual, ou non realmente, posto que o seu personaxe tiña un peso específico moito maior ca o meu. Así que agora facíase estraño ter que dirixilo, pero habituámonos moi ben e realmente houbo unha relación moi boa entre o equipo de dirección e o equipo actoral, foi todo moi cómodo.
-Deive e Iglesia pensaban ao principio que interpretarían cada un o papel do outro. ¿Por que se decantou por este reparto?
-Eu este espectáculo xa o coñecía porque no ano 91, a nivel afeccionado en Talía, fixerámolo Fran Lestón e máis eu. Eu facía o papel de Luís Iglesia e Lestón o de Xabier Deive. Entón xa tiña unha visión dos personaxes moi clara, e os físicos deles dous e a maneira de actuar de cada un levábame a este reparto. Aínda que teño que dicir que son actores que podían facer perfectamente o papel do outro e cun resultado igual de bo. Pero non estou arrepentido deste reparto e creo que eles tampouco.
-Contou Deive que estudaron a posibilidade de facer unha montaxe alternando os papeis.
-Pensámolo ao principio e era unha idea moi bonita: ir, por exemplo, a Carballo este venres co reparto que temos agora e o sábado darlle a oportunidade ao público de velo ao revés. O que pasa é que iso é moi doado de dicir sobre o papel, pero na realidade ten unha complexidade enorme. É un reto a ter en conta para o futuro, porque é algo que ao espectador lle pode gustar: xogar as comparativas e a buscar os matices. Pero tal e como está o panorama imos facer isto, e grazas por facelo.