A literatura da Costa da Morte plántalle cara a crise económica

m. varela / á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Xosé María Lema, Xosé María Varela, Rocío Leira, Nel Vidal, Paco Souto, Diana Varela e Miro Villar fixeron balance das letras galegas.
Xosé María Lema, Xosé María Varela, Rocío Leira, Nel Vidal, Paco Souto, Diana Varela e Miro Villar fixeron balance das letras galegas. j. m. casal< / span>

O mundo da cultura destaca a variedade de voces e xéneros actual

12 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Por paradoxal que poida parecer, nesta crise actual na que a cultura é un dos sectores máis golpeados, a Costa da Morte está a vivir un momento de actividade literaria febril sendo berce non só dalgunhas das novidades editoriais máis sonadas, senón de moitas iniciativas que teñen o mundo das letras como referente.

Nos prolegómenos da próxima celebración do Día das Letras Galegas un grupo de representantes deste eido fixeron balance para La Voz de Galicia e Radio Voz Bergantiños dunha situación na que tamén hai espazo para as sombras. «A situación é boa en canto a autores e iniciativas, pero atopámonos nun momento no que as circunstancias son adversas (...). O problema non é a literatura en si, senón a cuestión económica como ocorre con todo hoxe en día», explicou a cormelá Diana Varela Puñal -poeta, autora de textos teatrais e partícipe nun recente volume colectivo, Banqueiros (Laiovento)- facendo unha diagnose que foi compartida en boa medida polo resto dos participantes no encontro.

Neste senso, o tamén poeta e secretario da asociación cultural malpicán Caldeirón, Paco Souto -que a próxima semana presentará a próxima convocatoria do certame de poesía erótica Illas Sisargas e que prepara tamén un volume colectivo contra a mina de Corcoesto- sinalou que a «Costa da Morte segue a ter unha boa nómina de autores de recoñecido prestixio» e destacou tamén o traballo de promoción cultural e literaria que se fai desde o mundo asociativo, aínda que botou en falta unha maior implicación das administracións.

Xosé María Varela, presidente da asociación Monte Branco, de O Couto, que desde hai tres decenios organiza unha das principais citas culturais da comarca, as Festiletras, tamén subliñou a variedade e a diversidade das letras na comarca e lembrou que o primeiro premio de Diana Varela, «hai xa 25 anos» foi nun certame de Monte Branco. Xosé María Lema Suárez, autor de numerosas obras de divulgación e da novela Costa do Solpor, finalista do premio Xerais, incidiu tamén no «gran elenco de autores da comarca» e explicou que ademais o relevo está garantido con xente como Diana Varela ou a ceense Rocío Leira, quen tras acumular un cento de premios acaba de publicar o seu primeiro libro en solitario, Universo Pitágoras. Esta última concorda tamén na boa saúde das letras na comarca, pero sinala que non todos os xéneros están padecendo a crise do mesmo xeito á hora de acceder ao mercado editorial e sinala que a literatura infantil estaa a soportar mellor.

Chegar aos lectores

«Somos unha zona privilexiada en canto a literatura polo número de autores e obras, polo traballo das asociacións e polas actividades (...), así que hai que ser optimistas, pero sen se entusiasmar porque hai que conseguir máis lectores; é aí onde fallamos», apuntou Nel Vidal, normalizador lingüístico do Concello de Carballo.

O poeta Miro Villar, que publicou hai poucos meses Breizh e que rematou en datas recentes a compilación da Obra poética completa de Gonzalo López Abente, diferenza asemade o aspecto creativo do editorial. Así, aínda que salienta «a pluralidade de voces» e de xéneros da comarca, lamenta que ese traballo non teña «unha maior repercusión na sociedade» e desenvolveu un problema engadido que fora apuntado por Lema Suárez: «Hai profesionais do mundo do libro que trátannos como se fosen caixas de zapatos; téñenos ordenados polo número, pero que non lles saben dar valor engadido».