Unha de cal e outra de area para o labor dos libreiros

La Voz

CARBALLO

12 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O labor dos libreiros foi outro dos aspectos citados durante o debate e, ao igual que noutros casos, houbo unha de cal e outra de area. Así, Diana Varela Puñal destacou as numerosas actividades que realiza no seu establecemento de Arteixo, Á lus do candil, o fisterrán Modesto Fraga. Un caso similar, pero en Ponteceso, foi o que citou Xosé María Varela ao referirse ao traballo que fai Pepe Alborés de A Tenda dos Libros. Tamén houbo verbas de agradecemento para Ramón Tasende, responsable das librerías carballesas Brañas e Brañas Verdes, ao que se referíu Xosé María Lema Suárez.

No outro extremo situáronse aqueles libreiros que, como denunciou Miro Villar, tratan os libros coma un simple mercadoría e non cumpren o seu papel. Así, relatou que mesmo nunha feira do libro á que foi convidado a firmar exemplares dunha das súas obras os asistentes non os podían comprar porque os libreiros non os tiñan. Ao respecto, Lema reclamou que os establecementos da comarca lle dean máis visibilidade ás obras dos autores da Costa da Morte: «Agás excepcións, parece que mesmo os esconden».