![A agrupación non estivo ao completo en Bértoa porque as pandereteiras estaban en Francia.](https://img.lavdg.com/sc/m5LU9fq2TTu7D8O_-2oAo15gsos=/480x/2013/09/04/0012_201309C4C11F4jpg/Foto/C4C11F4.jpg)
A agrupación tradicional carballesa prepara unha xira por terras galas
04 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.As pandereteiras de Lembranzas de Bergantiños acaban de regresar de Francia, onde participaron nun intercambio cultural do que volveron encantadas. Pero esta primeira incursión da agrupación carballesa en terras galas non será a última, nin moito menos, e mesmo cabe a posibilidade de que toda a agrupación, integrada por 22 intérpretes de pandeireta, acordeón, percusión e gaita, realice «unha pequena xira» polo centro do país veciño.
Francisco Calvo Regueiro está moi ilusionado. De feito, este contacto internacional débeselle a el, que polo seu oficio de construtor de gaitas leva moitos años participando en todo tipo de festivais relacionados coa música tradicional. «Intentamos levar a cultura de Galicia por aí adiante», explica.
Pola súa parte que non sexa. Xa foi o fundador da Banda de Gaitas Bergantiños de Bértoa, da que marchou, e algúns dos seus alumnos con el, para crear Lembranzas de Bergantiños, hai agora dous anos. O seu repertorio, no que figuran dende A saia da Carolina ou Buxos Verdes ata Galicia Terra Meiga ou o pasodobre Santa Eufemia, tense escoitado durante todo este tempo en moitísimas festas, as últimas, as de San Román de Cabovilaño (A Laracha). Agora agárdaos a festa de Bértoa, onde teñen o seu local de ensaio, e a Pilarica de Carballo, pero xa teñen contratos a máis longo prazo para a Festa do Pulpo de Carballiño e Oseira.
Pero de cara ao ano que vén, á parte da xira francesa, o principal proxecto de Lembranzas de Bergantiños é «facer un gran concerto e unha gravación en deuvedé que nos sirva para promocionarnos», di con ilusión Francisco Calvo.