
Os oíntes gañan protagonismo na nova tempada de «Voces de Bergantiños»
29 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.A actualidade da Costa da Morte ten dende hai pouco dous novos rostros. Dous mozos con moitas ganas de dar a coñecer aos oíntes de Radio Voz Bergantiños todo o que acontece na bisbarra «de maneira inmediata, case no mesmo momento no que aconteza». Moitos puntos en común teñen estes dous periodistas. Manuel, chámanse ambos e os dous teñen unhas gañas infinitas de facer unha radio «viva, próxima e moi participativa». Manuel Rial Santos (Basilea, Suiza, 1989) e Manuel Rey Pan (Carballo, 1989) conducen esta tempada, de luns a venres, Voces de Bergantiños (de 09.30 a 12.00 horas), Redacción Bergantiños (14.00 horas) e A Voz do Deporte (14.30 horas). «Nós somos os presentadores, pero os oíntes terán un papel protagonista», di un dos Manuel mentres que o outro asinte. «Carballo e toda a Costa da Morte serán o noso obxectivo», di o outro.
-¿Cales son os obxectivos desta recén estreada tempada?
-[Manuel Rial Santos] Queremos achegarnos á xente, facer unha información próxima e moi local, que os oíntes colaboren con nós, que non teñan medo de chamar á radio e mostrar a súa opinión, que eles falen do que queren oír. Queremos facer unha radio viva, próxima e moi participativa.
-[Manuel Rey Pan] Radio Voz Bergantiños quere ser a radio dos oíntes e que saiban en todo momento o que está a pasar en Carballo e en toda a Costa da Morte.
-¿Como fomentarán esa participación?
-[M. R.. P.] Os oíntes poderán chamarnos en directo aos teléfonos 981 702 200 ou 981 703 002 e tamén poderán deixar a súas mensaxes no contestador 981 757 052. Os luns, por exemplo teremos unha sección que se chama Protesta, na que os oíntes poden deixar as súas opinións. Nós non lles imos solucionar os problemas, pero confiamos en que os que si poden estean escoitando e tomen boa nota.
-¿Que outras novidades haberá? -[M. R. S.] Recuperaremos o espazo Voces do mar, porque na Costa da Morte o mar ten que ter un espazo si ou si. Tamén teremos tempo para a nostalxia en Cultura popular, na que a xente nos contará como eran as cousas antes, como vivían cando eran pequenos, e Fernando Cabeza Aquiles falará todas as semanas sobre toponimia e desvelará de onde veñen os nomes de pobos e aldeas. Tamén poñeremos en marcha Sitio distinto, na que iremos por aldeas, pobos e barrios para que a xente nos conte o mellor de cada lugar.
-[M. R. P.] Será un programa moi variado, porque o importante é que a xente confíe e nós, que saiban que en canto pase algo importante poden poñer Radio Voz e decatarse de todo o que acontece. E os venres, por exemplo, será o día dos debates, o momento de tratar en profundidade os temas máis importantes.
-¿Que é o máis difícil de facer radio en directo?
-[M. R. S.] O máis complicado é preparar o programa, porque unha vez que estás en directo é como se cada dez minutos tomases un café cunha persoa diferente. É moi gratificante e cada día marchamos para casa cunha anécdota, porque cada programa é totalmente diferente.
-[M. R. P.] Acostumado a traballar en prensa escrita para min o máis complicado é ter en conta que na radio todo debe estar ben cronometrado, hai que ter moi en conta os tempos e iso crea algo de estrés, pero pasámolo moi ben.
-Está claro que o pasades ben.
-[M. R. P.] Cada día aprendemos algo diferente e iso tamén nos axuda a intentar facelo cada día mellor. Estar en contacto con tanta xente, cos oíntes, é moi divertido, moi enriquecedor.
-[M. R. .S.] Todos os días tratamos algún tema curioso e iso é moi ameno. Todos os días marchamos con algo novo e esperamos que os oíntes tamén se queden con esa sensación.
manuel rial santos e manuel rey pan locutores de radio voz bergantiños