A estreita relación que mantén o escritor Xosé Neira Vilas coa Costa da Morte, escenario habitual de moitas das súas conferencias, tamén se plasma no eido do recoñecemento literario a través dos premios que concede a fundación que leva o seu nome. A escritora ceense María Canosa acaba de obter unha mención de honra na sétima edición do premio Arume de poesía para nenos, que gañou María Xosé Lamas Fernández coa obra titulada Cantigas para aprender a soñar.
O xurado, presidido polo propio Neira Vilas e composto tamén por Juan Andrés Fernández Castro, Rosalía Morlán e Luís Reimóndez, decidiu conceder esta mención de honra á obra de Canosa O libro dos medos que non o son así como aos textos de outros dous participantes (Antón Cortizas e Xosé Luna) «pola súa calidade».
A entrega dos premios celebrarase o día 15 deste mes sede da Fundación Neira Vilas, situada na aldea de Gres (Vila de Cruces).
Diana Varela, en París
A poeta cormelá Diana Varela Puñal, premiada o ano pasado pola mesma entidade, pero con outro dos seus galardóns -o Estornela de teatro para nenas por Arlequino Viceversa- está tamén de actualidade posto se encontra en París para participar en varios recitais poéticos. Un deles terá lugar esta tarde na prestixiosa universidade da Sorbona.