Como cada 8 de febreiro, a Fundación Eduardo Pondal celebra o aniversario do nacemento oficial do bardo de Bergantiños (a data real fora dous días antes, o 6) e, a xeito de homenaxe, presentamos outra faceta máis de tan poliédrico personaxe: Pondal como médico da súa vila natal, «a pequena Ponteceso».
Ó mesmo que moitos outros escritores (Castelao ou Baroja, por poñer só dous exemplos), estudara esta carreira sen moito ánimo, coa mente atrapada no mundo das Letras: apenas permanecerá tres meses no seu primeiro e único destino como segundo Axudante Médico na Fábrica de Armas de Trubia, incorporándose a ela con retraso (o seu nomeamento ten data do 13 de abril de 1863? e cónstanos un certificado de que neste mes só traballara dezaoito días), ausentándose tan axiña coma pode (o 27 de xullo solicita permiso para desprazarse a Santiago, renovándoo o 5 de setembro) e non volvendo máis por aquela vila asturiana, sen tan sequera molestarse en xustificar a súa desaparición (andaba de cacería por Bergantiños diante), polo que, o 15 de decembro dese mesmo ano, resulta dado de baixa no Exército por incomparecencia.
As razóns que argumentará ó seu amigo Manuel Martínez Murguía de tan indisciplinada actitude (que, supoñemos, a calquera outro que non tivera as súas influencias políticas custaríalle algún desgusto penal) serán a escasa consonancia entre a «atmosfera completamente militar» e os «meus gustos» (un espírito soñador e ?digámoslo xa? consentido e nada afeito a someterse ás ordes dos demais) e a «vulgaridade e materialismo» que observa nos seus compañeiros de rancho, os oficiais de Artillería.
Explicitamente ispe a súa alma nesta carta, datada o 7 de xullo: «Esto no sirve para mí. Conozco que no soy médico y que, como usted dice, no me llamó el cielo por ese lado. Así es que no está lejos el día en que abandonando esto vuelva a dar un abrazo de reconciliación a mi gentil amada la poesía». Remata esta misiva enviando afectuosos recordos a Rosalía, a esposa de Murguía, advertindo dos seus propios padecementos físicos e morais, primeiros indicios da doenza mental que se agravaría cos anos e que influiría poderosamente nas súas relacións sociais.
Daquela Pondal contaba vinteoito anos e atopábase nunha encrucillada vital. Desbotara o exercicio da medicina porque vivía das rendas agrarias do Val Nativo, propiedade na súa meirande parte da súa familia, costeados os seus gastos polo seu irmán maior, alcalde de Ponteceso e deputado provincial, Cesáreo Pondal, e, á morte deste, pola súa irmá Pepita. Aínda por riba, Rosalía aléntalle na súa vea artística nunha carta datada o 6 de abril do ano seguinte: «Usted sí que debería dedicarse formalmente a hacer algo original pues, como le he dicho siempre, sus versos son los que me hace sentir más de cuantos en Galicia se escriben».
Ante estas animadoras palabras, vindo de quen viña e que reafirmaban o xa acrecentado ego do noso poeta, non nos estrañe que se envorcara de cheo na súa actividade creadora (Rumores dos Pinos, Queixume dos Pinos)? ata que a realidade tórnao á necesidade de gañar os garavanzos (e non só os que promovera a súa irmá dona Pepita).
O regreso á medicina
Farto de pagarlle xastres, débedas de billar e demais luxos de vida social, sen que contribúa ao fondo familiar, o seu irmán e cabeza de familia, Cesáreo, comínao a separarse do devandito fondo: «No puede convenirnos remitirte más dinero, acumulando una deuda que parece (que) nunca pensaste en solventar, pretendiendo, sin duda, conservar tu capital. Pero eso ya comprendes que no es digno para ti ni justo para nosotros que lo hagas a cuenta del nuestro».
Nesta mesma carta do 23 de abril de 1889 bótalle en cara que lle teñan que pagar as súas «excursiones», namentres que, pola súa insolidariedade, está arruinado parte do pazo. Consecuencia: disolución da compañía familiar, o 28 de maio daquel ano. Eduardo marcha a tomar as augas a Carballo, alternando con estancias en Laxe (terra de orixe do seu pai) e na mesma Ponteceso, xa en aloxamentos distintos á casa natal.
Pondal ten agora cincuenta e catro anos. É un ancián para os conceptos da época, xa que, por exemplo, o seu amigo Murguía, nunha carta datada en decembro daquel mesmo ano, lamenta a súa propia perda de memoria «como buen viejo» e é dous anos maior que o noso Bardo. A esta idade, Pondal ten que retomar o maletín e consultar pacientes para sufragarse, en parte, os seus gastos, cronicamente «perseguido polos ingleses» (expresión irónica que xa utilizara no seu poema estudantil en castelán La camisa e que é sinónimo de «acosado polos acredores»).
As súas aprehensións
Do seu labor como galeno temos que recorrer ás anécdotas recollidas polos seus veciños e parentes. «Contábame miña tía ?lembra Paco Valiña? que meu avó, Francisco Vázquez Cotelo, O Ghallardo, dono dun ultramarinos, onde se vendía de todo dende alimentos ata ferretería, era moi amigo de dona Pepita, a irmá do poeta». Engadamos nós que dona Pepita fora a xefa política e económica da Casa Pondal/Valdés dende a morte de Cesáreo, en 1897, ata o seu mesmo falecemento, en 1908. Prosigamos co amable relato de Paco: «Enemistado coa familia, Eduardo vai vivir un tempo á casa do meu avó. Eran dúas vivendas unidas polo corredor darriba. Cando meu avó vaillo comentar a dona Pepita, esta replica: ?¡Déixao estar alí!?. Era un home moi maniático: abría as portas cun pano para non tocalo picaporte».
Nesta mesma idea abonda Jaime Valdés, o seu descendente político: «Cando un amigo tiña constipado, antes de deixalo pasar o limiar da casa, estendía xornais polo chan para que pisara por el». E Carmiña Pérez Rial, quen leva toda unha vida coidando o pazo familiar, engádenos: «Tomaba o pulso á xente cun bastón e collía as toallas apenas con dous dedos. Carmen García A Romera, a ama de chaves de Cesáreo Valdés, tenme contado o raro que era». Eduardo, xa dabondo aprehensivo toda a súa vida ?fixera un primeiro testamento ós 35 anos? queda impactado polos descubrimentos de Cohn, Pasteur e Koch sobre os microbios e bacterias, causantes do carbuncho, rabia e cólera, arredándose máis aínda do contacto humano. Aínda así, anima á súa irmá dona Pepita: «No hay que tener miedo de esos casos de viruela confluente de Lage, el miedo es un fantasma imaginario, guardad aislamiento prudente y, fiando en Dios, nada os sucederá».
Coinciden Jaime Valdés e Carmiña Pérez ?seguindo as lembranzas de Cesáreo Valdés, pai do primeiro? en que, ás veces, Pondal recibía ós pacientes no adro do seu pazo e que, incluso, xa dende o balcón do primeiro piso, botáballes unha ollada clínica e diagnosticábaos á distancia. Receitáballes medicinas da farmacia: supoñemos que sería a da Trabe, propiedade de Severiano Mesías Vilariño, o lugartenente na política de dona Pepita e amigo persoal de Eduardo, en cuxa casa ?hoxe coñecida como «de Quilómetro», pola elevada estatura do seguinte dono? disque parou o poeta e, de feito, del tomou o topónimo As Basontas, baixos de Portosín avistados dende a casa nativa de Severiano, sendo incorrecta a tradución de Basoñas, que se dá comunmente.
A sona do Pondal doutor estendérase entre os seus paisanos ?a fin de contas era o dono das leiras que eles traballaban e, ademais, un escritor recoñecido? e a el acudiron intermitentemente (xeralmente, disque, por enfermidades respiratorias, reumas e demais achaques lóxicos pola forte humidade que habitaba nesta Ribeira Baixa do Anllóns).
Os seus primeiros pasos
Carmiña Pérez refrenda: «A xente quería a Pondal e tiña fama de curar ben». A afirmación de Manuel Lugrís Freire (Discurso de ingreso no Seminario de Estudos Galegos, 20 de novembro de 1923) de que «Pondal fora un médico notable no seu tempo» seméllalle excesiva a Manuel Ferreiro, máximo especialista pondaliano tendo en conta que so exercera en Ferrol (1861/62) na Armada, tendo ao seu cargo dous batallóns de Infantería de Marina e, así mesmo, traballando no seu Hospital Militar, e uns escasos meses na Fábrica de Armas de Trubia. Amosa idéntico escaso entusiasmo polo seu cometido no Ferrol que en Asturias: «Me traen mareado los dos batallones y el Hospital Militar (?) Esto de la Marina en cuanto a ganar cuartos descansado es una ilusión de las más tontas e imperdonables; mucho mejor me parecen los barcos mercantes, en donde uno es rey y no anda mandado por oficio. Ya estoy en cierto modo arrepentido de ponerme a la voluntad de los demás» (carta ao seu tío político José Pondal del Pozo y Ruiz, 25 de xuño de 1863).
Agora ben, que non tivera vocación non quita que non tivera pericia: no seu expediente académico figuran dous sobresaíntes (Anatomía e Fisioloxía), sete notables (as Clínicas, como Partos e Cirurxía) e catro bens (química e, curiosamente, en Hixiene Pública, el que era tan aséptico), acadando o grao de licenciado. Ademais, a oposición que tivera que pasar no Corpo de Sanidade Militar (supoñemos que no antigo Hospital Militar de Madrid, que estaba na rúa Princesa, maxestoso edificio dezaoitesco e que fora o Real Seminario de Nobles, rexentado polos xesuítas) non era fácil.
Para o exame ao posto de médico do Corpo de Sanidade da Armada, por exemplo, o presidente do tribunal examinador escollía un enfermo daquel hospital ?previa autorización do mesmo? e o aspirante, en media hora, tiña que consultalo e ditaminar o seu mal para, a continuación, xa perante o mesmo tribunal, levar a cabo unha exposición completa da doenza, é dicir, causas, síntomas, diagnóstico, curación e prognóstico. Todo isto nun cuarto de hora. Inmediatamente, satisfará as réplicas dos seus contrincantes na oposición e, se non as hai ou son menos de dous os seus antagonistas, as observacións dos «xuíces máis modernos» (sic). Por último, un caso práctico de afección externa e un simulacro de operación que ordenen os xuíces sobre un cadáver se o houbese e, se non, responder a tódalas cuestión que se lle fagan sobre unha hipotética cirurxía.
En 1869, aos 34 anos, matricúlase en Compostela para realizar os estudos de doutorado, pero a convulsa situación da I República (catro presidentes de Goberno en tan só once meses) suprímeos, coutándolle esta titulación.
O médico da familia
Tamén vixía a saúde da súa familia: dende a Coruña, escríbelle a dona Pepita (27 de setembro de 1898) que «para esa leve hinchazón que padeces en el pie y dedo de la mano, pienso encargar a París un medicamento para fricción exterior sobre la parte enferma, que es muy eficaz. Se llama Artritina y cuesta solo de tres a cinco pesetas. Oportunamente te lo mandaré». A artritina é un eficaz antiinflamatorio a base dunha combinación de plantas medicinais e outros produtos naturais, que evita a inxestión de fármacos químicos. Seis meses antes, o 14 de xuño, recomendáralle: «Esa pequeña hinchazón que dices que tienes en el empeine y principio de la pierna es un edema idiopático, que suelen padecer las mujeres que salen poco. Mi opinión es que debes lavarte las piernas y los pies de cuando en cuando con un cocimiento de las hojas y leves tallos frescos de las plantas siguientes que hay en esa huerta: romero, hierba abelleira o melisa, hierba luisa o artemisa. De todo esto, un buen puñado en cocimiento en agua. La usas levemente tibia. Pon sobre la hinchazón un trapito empapado en esa agua y usa encima una media algo ceñida para comprimir. Puedes beber todas las mañanas un cuarterón de agua de Mondariz o de cerveza, que te mandaré si quieres. De las dos, la que más te guste. Esto y tomar el aire libre, de cuando en cuando, en la huerta o por fuera. Un vasito de leche con chocolate y haz ejercicio moderado». Convén lembrar que o balneario de Mondariz tiña daquela vintecinco anos de existencia e que o seu director era o curmán do poeta, Isidro Pondal Abente, a quen Eduardo recomendara como anfitrión da Condesa de Pardo Bazán, a cal quedará encantada do mesmo.
Defensor da medicina natural
Como observamos nesta correspondencia familiar, Pondal coñecía e receitaba tamén remedios naturais: unha das materias nas que sacou a cualificación de notable fora en Historia Natural, no segundo curso da carreira. Disto tamén hai tradición oral.
Relátanos Ángel Mato o seguinte: «Meu pai, veterinario coma min, fora un día curar unha vaca dos Pondal. O poeta preguntoulle que mal padecía. ?Mamitis?, contestoulle meu pai. Daquela Eduardo aconselloulle: ?Mande vostede darlle da flor do saúco ou bieiteiro?. Naquel tempo o remedio para os catarros eran o romeu e a folla do eucalipto. Para as inflamacións usábanse cataplasmas de pulpa de piñeiro, pola abundancia de trementina que ten. Para as feridas eran man de santo as follas da Nogueira. Estes serían, se cadra, algunhas das menciñas caseiras que aplicaría Pondal ós seus pacientes». Non nos estraña: xa no seu poema E a nuite de San Joán describe unha serie de plantas como o sabugueiro e o sambuco e incluso a fabulosa herba cabreira e o alucinóxeno das meigas, a herba do demo ou estralote.
Erudito
Por outra banda, Eduardo Pondal aproveitaría sabiamente as leccións sobre linguas clásicas aprendidas na súa nenez na reitoral de Nemiña e as ensinanzas do crego e parente Cristóbal de Lago valeríanlle tanto para os diversos exames da carreira como para a defensa argumentativa nas oposicións (pedíanse no Corpo de Sanidade Militar unha exposición dun tema en latín). Lembremos que o latín era a lingua franca universitaria ?como hoxe en día o idioma da globalización é o inglés? e, así, laiábase a propia Revista del Cuerpo de Sanidad Militar en 1865: «Los médicos solemos abusar en grado extremo de aquel conocido principio post hoc aut cum hoc, ergo propter hoc y pretendemos construir proposiciones universales con series de proposiciones particulares». O Plan de Estudios de 1843 era bastante explícito sobre a importancia da Botánica como da Lingua Clásica: «Los jóvenes que quisieran matricularse en primer año de la Facultad de Medicina compostelana deberán traer conocimientos de Latín, tres cursos de Filosofía, uno de Historia Natural?».
Acabamos esta semblanza do Pondal médico volvendo á devandita carta do 14 de xuño de 1898. Eduardo remata esta serie de consellos á súa irmá cun que debería aplicalo a el mesmo: «No pensar mucho y alegrarse».