Veño de ler os titulares de La Voz de Galicia, edición de Carballo, do 15 de abril. Aparecen destacadas unhas sorprendentes declaracións do alcalde de Camariñas, non sei se froito da présa e a falla de reflexión, ou de que este señor tiña un mal día. Gustaríame pensar que o alcalde, Sr. Manuel Valeriano Alonso, referíase coas súas verbas «O PP pensa que os cidadáns somos mongólicos», aos cidadáns de Mongolia, país remoto do continente asiático.
Pero, desgraciadamente, as cousas non van por aí. O señor alcalde refírese, sen dúbida, ás persoas afectas de Síndrome de Down, nunhas manifestacións imprudentes, que espero que rectifique e polas que pida escusas.
Utilizar a palabra «mongólico», coma un insulto ou comparación despectiva non é de recibo. Supoño que as familias das persoas con Síndrome de Down non estarán contentas con estas declaracións.
Familias duns rapaces e rapazas cariñosos, entrañables, que a día de hoxe cunha estimulación axeitada, son quen de inxerirse de xeito moi apreciable na nosa sociedade. Son declaracións irrespectuosas, precipitadas, irreflexivas, e denotan unha falla de sensibilidade impropia dunha persoa cun cargo de responsabilidade coma é unha alcaldía.
Tiven a honra e o pracer de compartir mesa hai unhas datas, na cea da Asociación Española contra el Cáncer, con Pedro. Un mozo con síndrome de Down, educado e amable, que amosou ter bastante máis «sentidiño» que algún alcalde.