«A difusión e a formación son claves para a conciencia ecolóxica»

manuel rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Luis Lamas Novo.
Luis Lamas Novo. JOSE MANUEL CASAL

Sogama patrocina o programa de educación ambiental de Radio Voz

07 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Dezaseis anos de Ecovoz logo pasan. O espazo máis ecolóxico da radio en Galicia chegou á súa fin de tempada e os colexios participantes xa pensan na festa do Aquapark de Cerceda que se celebrará o vindeiro venres 13. Á cita non faltará Luís Lamas, o presidente de Sogama, entidade patrocinadora desta iniciativa de educación medioambiental.

-¿Que importancia ten este programa?

-Pois, por unha parte, os rapaces teñen que ter material interesante para traballar na conciencia ecolóxica. E por outra, é primordial a difusión. Non só os que preparan o concurso, senón tamén para quen o escoita.

E en Sogama, a formación é un piar fundamental. Ás veces, algúns tenden a pensar que a única actividade desta empresa pública é o tratamento de residuos, unha visión moi simplista e reducionista, xa que a nosa misión tamén é trasladar á cidadanía as boas prácticas na aplicación do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), ás que nós engadimos a recuperación enerxética da parte non reciclable, poñéndoa en valor.

-¿En que materia obtería Sogama un P. A. (Progresa Axeitadamente) ?

-Non me atrevo a poñer nota. Pero no que ten que ver co tratamento de lixo e coa produción de enerxía, os datos están aí. Son obxectivos, non opinables. Son mesurables. Hai cinco anos estabamos nunhas cifras de depósito en vertedoiro que superaban as 400.000 toneladas por ano e este 2013 superamos por pouco as 200.000. É dicir, que diminuíu un cincuenta por cento a cantidade de lixo que se depositou no vertedoiro.

E no caso das campañas medioambientais tamén creo que se está camiñando axeitadamente. Polo tanto si lle podería dar un P.A.

-¿E onde un N. M. (Necesita mellorar)?

-Estamos moi condicionados pola reforma do mercado eléctrico, e de momento, até que este panorama non se esclareza de todo non podemos tomar decisións de inversión. Pero o que está claro é que non é asumible para un país moderno, que 200.000 toneladas vaian para o vertedoiro. Temos que mellorar as nosas cifras de reciclaxe de forma inmediata. Pero isto é un reto de país, para toda Galicia. En Sogama están entrando unhas 21.000 toneladas de bolsa amarela, que para unha poboación tan ampla como a que recollemos é moi pouca cantidade. Aí temos moito que mellorar nos vindeiros anos e niso traballamos.

LuÍs lamas presidente de sogama

«En cinco anos diminuíu até a metade o lixo que se deposita no vertedoiro»

«Temos moito que mellorar nas nosas cifras de reciclaxe. Pero isto é un reto de país.»