«O noso xeito de gozar da festa é vendo gozar a todo o mundo»

Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Vimianzo comeza a respirar o ambiente do Asalto ao Castelo

01 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A falta de só cinco días para o Asalto ao Castelo e coas primeiras actividades previas botando xa a andar os organizadores apuran os traballos para que Vimianzo volva a converterse nunha gran festa. Un ano máis, Miguel Antelo Lema, como presidente da asociación Cherinkas é unha das cabezas visibles destes esforzados irmandiños.

-¿Queda moito por facer?

-A grandes rasgos o principal xa está feito, pero agora faltan os pequenos detalles e os traballos de última hora, especialmente intentando que o venres e o sábado o levemos o mellor posible.

-¿A estas alturas que sensación pesa máis: nervios, ilusión...?

-Non sabería como definir exactamente como estamos, pero supoño que con un pouquiño de tensión e de responsabilidade e intentando, dentro do pouquiño que podemos, gozar da festa, que o noso xeito de facelo é vendo gozar a todo o mundo.

-¿Pensa en como sería gozar dos actos sen preocupacións?

-Por un lado si que hai algo diso, pero por outro se todo o mundo pensase así non se farían as festas así que é preciso que haxa unhas persoas que se dediquen a organizar isto. De momento imos tirando, antes ca nós fíxerono outras persoas e esperemos que no futuro veñan outras.

-¿Que é o que anima máis á xente a acudir a Vimianzo o primeiro sábado de xullo: a escenificación, os concertos, o ambiente...?

-Hai varios conceptos claves. O primeiro é que é unha festa pública no senso de que non se cobra nada a ninguén; outro aspecto moi importante é que hai moita diversidade, pero o principal é a representación, no medio da noite e ante miles de persoas, que é algo para salvagardar e que esperta moita atracción. Tamén hai pratos fortes como os pinchos irmandiños, que teñen moita demanda, e a oferta musical, que sempre é interesante.

-Nesta último este ano aparecen dous artistas moi coñecidos: Kepa Junkera e Susana Seivane.

-Levamos unha dinámica nos últimos anos de traer a grandes referentes do folk galego: o ano pasado foi Luar na Lubre, hai dous Berrogüetto e hai tres Budiño se mal non me lembro, e este ano será Susana Seivane. E en representación doutras culturas estará Kepa Junkera, vasco aínda que con moita tradición galega consigo. Tamén lle daremos a oportunidade a un grupo novo [Samarúas], que penso que vai ter unha longa e boa traxectoria e remataremos cun pouquiño de rumba e mestizaxe [Muyayo Rif] que é algo que adoita gustar moito.

-¿Xa se vive o ambiente medieval estes días en Vimianzo?

-Si e é algo que vai ir in crescendo. Mañá [por hoxe] comezaremos a abrir a boca do que é a Semana e pouco a pouco se irá achegando a xente da contorna e o sábado xa virán moitos de fóra.

-O programa incorpora novidades.

-Sempre intentamos pensar nas cousiñas que debemos mellorar, corrixir o que se fixo mal e recoller aspectos que deberían estar pero que non apareceran. Nese sentido, a Irmandade Parroquial parécenos unha actividade moi interesante porque o que queremos non é só que toda a xente de Vimianzo se sinta partícipe do Asalto, senón que tamén o fagan os veciños de todo o Concello; con esa idea nace esta actividade e por iso penso que pode ter unha longa vida se se coida ben.

-¿Son tan orixinais e provocativos os Pinchos Irmandiños deste ano como os seus nomes?

-Estivemos en todo o proceso dos pinchos, que foi longo e no que contamos cun asesor profesional, así que sabemos perfectamente como son e tivemos tamén a sorte de probar algúns, pero moi poucos porque quixemos que sexan tamén unha sorpresa para nós.

-Así que terán que facer un oco para acabar de catalos.

-Si, pero para iso teremos que centrarnos no martes, mércores e xoves, porque a partir de aí os organizadores poucos imos probar.

-As entradas para a cea do venres esgotáronse nun tempo récord.

-A resposta da xente é incrible coa cea; cada ano quedamos máis sorprendidos. Gustaríanos ter un aforo do dobre, pero é moi complicado por loxística.

-¿Que expectativas teñen para o segundo concurso de fachadas?

-Aínda está aberto o prazo de inscrición, pero xa hai máis xente anotada que o ano pasado e esperamos que sigan apuntándose aínda máis porque é unha actividade coa que pretendemos que a veciñanza poida ser partícipe tamén doutro xeito.

-¿Pódese desvelar algo do prato forte do Asalto, a escenificación, que este ano dirixirá Toño Casais?

-Podemos desvelar que creo que este ano vai ter final feliz.

miguel antelo presidente da asociación cherinkas