O escritor muxián participa estes días en dúas interesantes citas para a divulgación da historia e a paisaxe da vila
13 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.O divulgador Xan Fernández Carrera ten dobre cita esta fin de semana na súa vila, Muxía. O venres coordina a Ruta Abentiana, na honra do poeta López Abente, e o sábado presenta a súa guía Descubre Muxía.
-¿Quen foi Ramón Caamaño?
-Un gran fotógrafo da Costa da Morte. Tiven a honra de coñecelo e facer un libro sobre a súa vida e a súa obra.
-¿Verbena ou foliada?
-Estou máis a gusto nunha foliada. A relación humana paréceme máis intensa que na verbena.
-¿A que dolmen lle chaman a catedral do megalítico?
-A Dombate. Pero non podemos esquecernos do reto da ruta dos dolmens na zona.
-¿Cando foi o último faro que se construíu en Galicia?
-O da Punta Nariga, unha obra de César Portela moi ben adaptada ao entorno.
-¿Cal foi a última vez que puxo unha lavadora?
-Onte. Puxen catro ou cinco, tiña moita roupa acumulada.
-¿Un defecto?
-Son despistado. Ando sempre con notiñas de papel e no móbil para non esquecerme.
-¿Cal é o punto máis occidental de Galicia?
-Touriñán.
-¿Que poeta andaluz lle dedicou un poema á Barca?
-García Lorca. Non sabemos seguro se estivo en Muxía, pero si lle chegou información da romaría e escribiu o poema.
-¿De que castelo foi dono Rui Soga Mariño de Lobeira?
-Supoño que o de Vimianzo.
-¿En que lle gusta pasar o tempo nas vacacións?
-Saír a pasear, ir á praia, a lectura, saír por Muxía e tomar algo...
-¿Cantos anos ten Avelina Mouzo, a avoa da Costa da Morte?
-Ten 109. A finais de ano cumpre 110. Foi miña veciña, porque me criei na Ponte do Porto. É unha señora moi agradable, sempre cun sorriso na cara. Un orgullo para a xente de alí.
-Un soño por cumprir.
-Ver unha Costa da Morte desenvolvida, concienciada do seu patrimonio, que a xente non tivera que emigrar e ter traballo na súa propia terra.
-¿Onde está o pazo de Romelle?
-En Zas. E ten uns xardíns moi fermosos.
-¿Praia téxtil ou nudista?
-Por costume, a téxtil. Eu vou sempre á praia da Cruz.
-¿Onde naceu o almirante Mourelle?
-En Corme. Foi un gran descubridor do Pacífico Norte.
-¿Licor café ou caipirinha?
-O licor café.
-¿Onde prefire rematar o Camiño? ¿En Fisterra ou en Muxía?
-Rematar en Muxía, pero pasando por Fisterra.
verano sin tregua