«Faría unha viaxe por Asia para coñecer a gastronomía»

Paula G. mosquera / M. R. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O chef baiés foi o encargado de idear o menú que se degustará hoxe na Festa da Conserva de Camariñas

15 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Braulio García Cruz, recoñecido chef e profesor no Centro Superior de Hostalería de Galicia, é o ideólogo do menú que degustarán hoxe os visitantes da cuarta Festa da Conserva de Camariñas. Consta dunha empanada de melva e olivas; mexillóns, pataca crema, escabeche e cebola crocante; arroz de bacallau, feito como en casa; fajita de atún ao allo con rúcula; e pementos recheos con paté de mariscos e atún á napolitana. Os produtos foron aportados polo Grupo Cerdeimar, de Camariñas.

Explica García Cruz que os pratos están baseados nos produtos da zona, que son, sen dúbida, dunha calidade excepcional. As preparacións xurdiron da colaboración entre o chef baiés e os organizadores da festa, entre eles Andrés Cerdeiras, intentando mesturar a cociña de tradición, na que sempre se basea García Cruz, cun toque diferente.

-¿Quen foi Ramón Caamaño?

-A verdade é que me sona o nome pero non sei contestarte...

-¿Verbena ou foliada?

-Depende da época do ano. Cando vén o verán sempre hai moitas ganas de ir ás verbenas. A partir de setembro xa estamos un pouco cansados, así que, foliada.

-¿A que dolmen lle chaman a catedral do megalítico?

-A Dombate, ao lado da casa.

-¿Cal foi o último faro que se construíu en Galicia?

-Non creo que sexa ese pero vou dicir o de Laxe.

-¿Cal foi a última vez que puxo unha lavadora?

-Esta noite (por onte).

-¿Un defecto?

-Son moi larpeiro, o que é moi difícil de evitar cando estas todo o día na cociña con todo á man.

-¿Cal é o punto máis occidental de Galicia?

-Fisterra... non, é Touriñán.

-¿Que poeta andaluz lle dedicou un poema á Barca?

-García Lorca.

-¿De que castelo foi dono Rui Soga Mariño de Lobeira?

-Do castelo de Vimianzo.

-¿En que lle gusta pasar o tempo nas vacacións?

-Encántame a praia, xogar coa area, facer castelos, e agora que teño un cativo de 4 anos é moito mellor, xogamos a enterrar os pés e o pequeno é todo un enxeñeiro.

-¿Cantos anos ten Avelina Mouzo, a avoa da Costa da Morte?

-Mais de cen seguro, ¿108?

-Un soño por cumprir.

-Creo que faría unha viaxe por Asia, por Vietnam, India... Coñecer a cultura e sobre todo a gastronomía, que me chama moito. Pero sería unha viaxe bastante longa, son moitos sitios que visitar.

-¿Onde está o pazo de Romelle?

-Sóame que está no meu concello, Zas.

-¿Praia téxtil ou nudista?

-Téxtil, eu vestido.

-¿Onde naceu o almirante Mourelle?

-Vou dicir Camariñas.

-¿Onde prefire rematar o Camiño? ¿En Fisterra ou en Muxía?

-Esta é unha pregunta controvertida... pero ben, eu xa fixen o camiño a Muxía desde Baio, que é espectacular, así que vou dicir Fisterra.

verano sin tregua