O autor de «Contos do mar de Irlanda», que presenta hoxe en Carballo, é todo un experto na Costa da Morte
31 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Despois de pasar por Corme e Malpica, Xurxo Souto presenta hoxe en Carballo Contos do mar de Irlanda, ás 12.30 do mediodía na Praza dos Libros.
-¿Quen foi Ramón Caamaño?
-Ramón Caamaño Bentín, o meu amigo da rúa Perigos. Foi fotógrafo de Muxía. Premiado pola Kodak no ano 50 e algo pola foto da furna da Buserana.
-¿Verbena ou foliada?
-Sempre foliada que acaba sendo verbena. Somos un pobo de artistas, empezamos cos gaiteiros e eles acaban tocando música tropical.
-¿A que dolmen lle chaman a catedral do megalítico?
-Dombate, de dimensión pondaliana.
-¿Cal é o último faro que se construíu en Galicia?
-¡Que cousa máis bonita! Punta Nariga, obra de César Portela.
-¿Cando foi a última vez que puxo unha lavadora?
-Onte. E con banda sonora bravú: «Estou na lavadora...»
-¿Cal é o punto máis occidental de Galicia?
-Todo o mundo pensa que é Fisterra, pero é o cabo da Nave.
-¿Un defecto?
-Falo moito.
-¿De que castelo foi dono Rui Soga Mariño de Lobeira?
-Supoño que do de Vimianzo.
-¿Que poeta andaluz lle dedicou un poema á Barca?
-Federico García Lorca, dos poemas galegos.
-¿En que lle gusta pasar o tempo das vacacións?
-Andar polo mundo presentando libros cos meus amigos patróns da Costa da Morte.
-¿Cantos anos ten Avelina Mouzo, a avoa da Costa da Morte?
-Gustaríame sabelo.
-¿Un soño por cumprir?
-Que os galegos saibamos máis cousas do mar.
-¿Onde está o pazo de Romelle?
-Tamén me gustaría sabelo.
-¿Praia téxtil ou nudista?
-Nudista sempre. Aínda que non por ir sen roupa estamos completamente espidos. O contacto coa natureza é algo máis profundo.
-¿Onde naceu o almirante Mourelle?
-De Corme. Merece películas, e todas as do capitán Cook deberían ter referencias a el. Porque Mourelle abriulle as rutas e despois el copiouno. Como falaba inglés, levou o protagonismo en Hollywood.
-¿Licor café ou caipirinha?
-Licor café. Non necesita nin preposición. É o mellor do noso país e de América.
-¿Onde prefire rematar o Camiño? ¿En Fisterra ou en Muxía?
-Os camiños, como dixo Alexandre de Fisterra, non deben rematar. O importante é seguir avanzando e descubrindo cousas.