perfecto Vázquez Lema (Traba, Laxe, 1962), novo presidente da xunta xestora do PP de Laxe trala renuncia de Ambrosio Oróns, voceiro municipal. Onte falou en Radio Voz Bergantiños sobre a situación do seu partido.
-¿Cómo acolleu o nomeamento?
-Foi unha sorpresa porque, sobre todo, non me esperaba a renuncia de Ambrosio. Temos unha gran amizade, ademais da relación política. Hai uns días falamos e vino moi animado e con ganas para as vindeiras eleccións. Vía moitas opcións de que ía ser o próximo alcalde de Laxe. Pero despois comunicoulle á dirección provincial que non podía dedicarlle o tempo necesario á política e presentou a súa renuncia. E eu estou no partido, ás duras e ás maduras, e aceptei a proposta.
-Vostede xa descartou que vaia ser o candidato á alcaldía.
-Eu comprometinme a conseguir o mellor candidato para Laxe e axudalo a buscar o mellor equipo posible.
-¿Xa se pode falar dalgún nome?
-Isto é como o da moza na discoteca; hai moitas que gustan pero non depende só de un. Ás veces pasa que a que queres non cha dan e a que che dan igual non é a mellor, pero se non é a mellor terás que ir á menos mala.
-O exalcalde Castro ten intención de crear un partido propio. ¿Contemplan unir forzas con el?
-Sobre ese tema só sei o que lin na prensa. Non souben nada máis do seu partido. O meu traballo non é negociar con outros partidos. Teño que dedicarme a reorganizar o PP e facer a mellor candidatura posible. Sobre pactos debe ser o candidato e o seu equipo o que decida. Non podemos crear un candidato coas mans atadas.
-Hai descontento nas filas do PP en Vimianzo e Camariñas. ¿Percibe esa situación noutros municipios da zona?
-Sempre hai descontentos, é imposible que non os haxa. Laxe non se pode comparar con Camariñas ou Vimianzo; non hai ese tipo de guerras, non se lle cortou a cabeza a ninguén. A nivel comarcal pode haber algúns problemas pero se miras á porta do veciño tampouco están mellor. Eu confío en que a partir de maio o PP vai ter máis alcaldías que agora na Costa da Morte.