Benjamín Queiro é o impulsor da nova compañía artística, Animundis, que fará mañá a súa estrea en Carballo
29 nov 2014 . Actualizado a las 11:27 h.Baixo o título de Animundis mañá botará a andar no Pazo da Cultura de Carballo un novo proxecto cultural dirixido ao público infantil, pero que tamén espera lograr o favor dos adultos. O soneirán afincado en Carballo Benjamín Queiro (Vimianzo, 1975), coñecido polo seu paso por grupos como Os Impresentables e a súa participación no Asalto ao Castelo desde asociación Axvalso, é o impulsor do proxecto e o produtor, compositor e autor do seu primeiro espectáculo.
-¿Como afronta as horas previas á estrea?
-Entre nervioso e ocupado porque hai moito choio e xa se sabe que nas estreas nunca está todo ao 100 % ata o último instante. A xente está ensaiando a tope e todo o mundo moi concentrado. Cremos que tanto nenos como maiores van quedar moi agradecidos ou esa é a nosa intención. A de mañá vai ser a estrea para toda Galicia e aínda que os debuts son como son e nunca saen ao 100 % confiamos en que o público saia satisfeito.
-Van debutar cunha produción bastante ambiciosa.
-Así é. Para ser a nosa primeira estrea profesional, aínda que todos os participantes son moi profesionais e tanto os actores como os músicos teñen moita experiencia, temos un elenco bastante grande porque son seis artistas sobre o escenario e tres técnicos, porque o espectáculo leva unha pantalla xigante que serve de fío condutor e iso require dunha persoa que estea pendente só das animacións que se van proxectando e logo está o responsable do son e o da iluminación.
-¿Como teñen pensado lograr que os pais tamén gocen do espectáculo?
-Este espectáculo é eminentemente infantil, é unha obra pensada para que os nenos se rían, pero somos todos músicos con experiencia e eu son tamén compositor e tiñamos moi claro que coa música tiñamos que facer que os pais tamén gozarán do espectáculo, que tamén moveran os pés e o esqueleto. Así que decidimos facer unhas letras moi participativas e con temáticas para os nenos, pero cuns ritmos moi elegantes, moi traballados e moi sofisticados: de funk, soul... de xeito que aos pais aos que lle gusta a música, a boa música, tamén o agradezan e tamén gocen moito do espectáculo. Ese é o punto co que queremos marcar a diferenza con outras compañías profesionais de teatro infantil de Galicia, que son moi boas.
-¿Que conta «Animundis»?
-Conta a historia de Bim, un pingüín que vive no polo, pero como é moi frioleiro non se dá habituado a vivir alí, aínda que os seus veciños non acaban de entendelo. Como toda obra infantil ten un transfondo educativo e neste caso o que tratamos é de facer unha crítica a esta sociedade tan intolerante na que vivimos e na que hai tanta desigualdade. Nós cremos que é moi importante traballar estes aspectos desde a infancia e do que se trata é de fomentar a tolerancia e a diversidade porque todos somos distintos e nesas diferenzas está a marabilla deste planeta noso.
-Ademais do espectáculo proxectan editar un libro disco.
-Si, porque Animundis en si mesma non é unha compañía de teatro, senón un proxecto cultural que inclúe música, ilustración e artes escénicas. Mañá imos presentar esta última parte, o espectáculo musical de teatro infantil, pero antes de chegar aquí xa creamos unhas músicas para un libro disco que contamos publicar polo Día das Letras Galegas do ano que vén. Gustaríanos ter feito todo xunto, pero non puido ser, é unha mágoa. As ilustracións son de Beatriz Cortizas, que fixo uns debuxos preciosos e se ocupou tamén do cartel da obra. O disco soa coma un auténtico torbellino e os nenos van quedar abraiados. Eu cando era pequeno escoitaba a Pink Floyd, Tequila, e rock and roll e creo que aos nenos lle vai gustar porque moitas veces infravalórase o seu oído musical.