O poeta fisterrán Alexandre Nerium non publicaba un libro individual de versos desde o 2008, cando publicou o seu segundo libro, intitulado Nocturnidade do sal (Sotelo Blanco). Antes xa vira a luz Vogar de couse (Espiral Maior, 2003). E nestes últimos tempos só era posible seguir o seu estro poético en antoloxías, como por exemplo Versos no Olimpo. O Monte Pindo na poesía galega (Toxosoutos, 2013) ou nalgunha revista especializada como Dorna.
Esa demorada pausa na creación literaria vén de romper augas nunha nova publicación, Detrás na néboa o felo, un libriño ou unha plaquette, xa que o ISBN non considera libros a volumes coma este con capa e 32 páxinas. E aquí hai un libro de versos ben potente, aínda que sexa breve.
A obra foi publicada por ese escritor, tamén poeta, e editor singular que se chama Emilio Araúxo. Se callar nunca terá o recoñecemento dos editores polo seu labor outsider, mais Emilio Araúxo dinamizou varias experiencias editoriais dignas de loanza, como Noitarenga. En 2011 botou a andar a revista e a colección de cadernos Amastra-N-Gallar, na que xa leva publicadas ducias de obras de pequeno formato e todas elas en edición non venal e de reducida tiraxe. Entre elas está a longa serie de «Felotextos» na que xa convidou a case medio cento de poetas galegos (Lupe Gómez, Arturo Casas, Carlos Lema, María do Cebreiro, Santiago Pol, Daniel Salgado, Luís García Soto, Anxo Pastor, Bieito Iglesias, Séchu Sende, José Manuel Bouzo Limia e Miriam Sánchez Moreiras) e do mundo, nomeadamente franceses e ingleses, a escribiren os seus versos en diálogo co entroido tradicional do Val de Maceda, cadernos que tamén están dispoñibilizados na rede na páxina web felosdemaceda.com para descarga de balde.
Detrás da néboa o felo de Alexandre Nerium pode considerarse un único poema, pola unidade temática, ou unha breve serie que constaría de dez quintetos e un soneto, os primeiros cinco quintetos agrupados baixo o título Ronsel doutra arribada, os seguintes cinco co título A máscara do mar e o soneto final, Cinza, que é marca da casa e non podía faltar nun autor que é un excelente sonetista de factura clásica.
O caderno poético nace, pois, como unha proposta de diálogo formulada polo propio editor Emilio Araúxo que lle fornece ao autor dos versos once fotografías do entroido tradicional do Val de Maceda. As fotografías son da autoría de Marisa González Feijoo e recollen diversas imaxes do felo, esa carauta ou máscara tan característica do entroido do Alto do Arnoia.
Alexandre Nerium establece un diálogo entre o mar bravo, a atlántica Costa da Morte, e os seus oficios e as súas xentes co pobo que corre o entroido ourensán do Val de Maceda. Velaí como mostraxe inequívoca e evocadora a intensidade dos versos que pechan o libro: O mar esculca o vendaval vizoso. / Co paraugas da man baila inconsciente. / Do chocallo a harmonía, o seu saloma. // Simplemente vivir, grisáceo aroma, / requente sabor doce, aínda se sente / disfrazarse en Maceda o mar vidroso.