Usar o «sentidiño común» para ter éxito

José Mª de la Viña O PUPITRE

CARBALLO

14 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Setembro. Mes de escola. Mes dos libros, das alegrías, dos amigos; das frustracións, dos exames... Tráiovos uns trucos para «pasar de nivel». Se cadra algúns deles pódevos dar bo proveito. Así que diríxome a todos os estudantes que encetan esta nova etapa da escola. Se queredes ter éxito, debedes usar o tan falado sentidiño común (S.C.). Lembra que non hai nada que che dean de balde. Se queres conseguir algo, tes que esforzarte. Esta é unha palabra de ouro. Con ela, todo o demais sobra (ou case). Pero vouvos contar, por exemplo, como debedes enfocar o curso. Para todo hai un método, un procedemento; e, se non funciona, tes que cambialo. E o máis exitoso, é que cada un se faga un plan de traballo, personalizado (un plan só serve para un) de estudio: cada día (cada día), hai que estudar un mínimo de dúas horas ou máis (dependendo de cada un). Esforzarse significa facer algo que custa. Así que non te enganes: o normal é que che custe unha barbaridade comezar. Pode que che leve semanas acadar un ritmo de traballo. Se non che sae á primeira, ti insiste. Velaí tedes o maior fallo de tódolos estudantes que non prosperan. E aí está, tamén, o significado da palabra esforzo: petar, petar, petar e petar. Xa o dicía Luís Aragonés (o do Atlético de Madrid). Pois é o mesmo. Se non sae hoxe, mañá si. E ata que non comprobes por ti mesmo que si funciona, non me vas crer; e así comeza a frustración. Dicíalle ós meus alumnos: non hai profesor, nin materia, que poida cun alumno/a teimudo/a. Non hai máis segredo que a perseveranza: ninguén nace sabido. De ti depende. En canto comprobes que funciona, non vai haber quen che pare. Disto sei algo, así que faime caso. E se algún dos pais me está lendo, que tome nota: a túa axuda é importante. Fala co fillo/a, negocia, convence. Vaille directo ó corazón, ti coñeces ó teu fillo/a mellor que ninguén. O tempo de estudio é sagrado. Despois diso, o que queiras: deporte, tele, xogos, paseo... Aínda que é boísimo para o estudo, combinalo cun pouco de exercicio. Máis nada que teño que acabar, e moita sorte.