«Detrás da adicción atopamos unha autoestima baixa»

La Voz

CARBALLO

09 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A educadora social da asociación Vieiro Miriam Romero imparte o programa Constrúe para a prevención do consumo de drogas entre os alumnos de primaria.

-¿Hai que comezar cos nenos xa dende que son pequenos?

-Si, este programa vai destinado a idades entre os 10 e os 12 anos. Canto antes se comece mellor, para preparalos sobre todo para a presión de grupo, que nestas idades é o que máis forza colle.

-É xa unha iniciativa veterana.

-Vieiro fai 25 anos que se constituíu. Antes foi o programa de secundaria, e o de primaria comezou no curso 2004-2005, polo que levamos uns 13 anos cuns 700-800 alumnos por curso, así que temos atendido neste tempo a uns 10.000 escolares.

-¿Sacan conclusións positivas?

-Sempre nos agradecen a nosa labor, pero é certo que queda moito por facer. As conclusións son positivas pero, aínda así, o consumo séguese incrementando, tanto no tabaco como no alcohol e noutras sustancias.

-¿Como reaccionan os nenos cando se lles fala disto?

-A primeira vez bastante perdidos, sobre todo co tabaco e o alcohol que, ao ser legais, non os cualifican como drogas. A primeira vez que usamos a palabra droga con estas sustancias sempre lles chama moito á atención. Escoitan información moitas veces errónea e teñen un pouco de mito. Tamén existe certo tabú, pero son temas que lles interesan.

-¿Con que traballan?

-Nós traballamos fundamentalmente coas habilidades sociais que son as que lles favorecen os factores de protección fronte a ese consumo que, ao mellor, se pode dar nun futuro. O programa está dividido en tres bloques e o primeiro é ese porque detrás do consumo e da adición sempre atopamos unha autoestima baixa, unha carencia de habilidades sociais. Despois outro bloque é de novas tecnoloxías e o terceiro xa propio de sustancias. En primaria traballamos basicamente co alcohol e o tabaco.