«Para min arbitrar foi unha maneira de madurar máis rápido»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CEDIDA

O cabanés Óscar Martínez é dos poucos da comarca que arbitran en categorías superiores do fútbol español

11 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Costa da Morte é terra de futbolistas. En cambio, non é que abunden os árbitros, e moito menos, que piten en Segunda B. Pero Óscar Martínez (Cabana, 1985) cumpre a excepción. Con só 32 anos leva moito camiño percorrido, e tanto, que esta tempada foi a súa cuarta militando na categoría de bronce do fútbol español.

-¿Como se iniciou no mundo da arbitraxe?

-Dende pequeno xoguei ó fútbol nas categorías inferiores do Baio. E cando comecei a estudar a carreira de Comunicación Audiovisual en Santiago de Compostela, facíaseme complicado compaxinar ambas cousas, polo que tiven que decantarme por unha, e como non era moi bo xogador... [ri]. E despois foi cando xurdiu o de ser árbitro, porque tiña un coñecido que pitaba, e vino interesante e colexieime na capital galega. Se a subdelegación da Real Federación Galega de Fútbol en Baio se creara antes, comezaría a arbitrar con 15 ou 16 anos.

-Non tivo que ser doado chegar tan alto.

-Comecei a arbitrar con 19 anos en fútbol-8, e despois, cada tempada, fun superando distintas probas físicas e teóricas. Si que foi complexo. Estiven en Terceira Autonómica unha tempada, en Segunda outra, en Primeira dúas, en Preferente outras dúas e en Terceira División catro, ata que cheguei a onde estou agora.

-¿Desexa, aínda, aspirar a máis?

-Un nunca está contento co que ten. Sempre aspira a máis. Pero é moi complexo, pois sería un cambio moi grande pasar ó fútbol profesional, aínda que ás veces xa teño ido como cuarto árbitro a partidos de Primeira e Segunda División. Ademais, somos moitos para as poucas prazas que hai. Pero por ganas e intentalo non será. Hai que esperar ó remate da campaña para ver quen son os mellores clasificados e que polo tanto ascenden, e cales os peores e que polo tanto baixan á categoría inmediatamente posterior. Sempre estamos baixo supervisión.

-¿Como se atopa en Segunda B?

-Moi cómodo. Cada ano collo máis experiencia. Ademais, para min arbitrar foi sempre unha maneira de madurar máis rápido, polo simple feito de estar ti só ante 22 persoas, con todo o que conleva o fútbol: afección, xogadores, adestradores... Noutras palabras, tratando de impartir xustiza nun mundo no que cada un mira polo seu e ante 25.000 persoas que non entenden esa situación nese momento.

-¿Imponlle máis que outras categorías?

-A persoa que é árbitro, éo durante as 24 horas; dende que se levanta ata que se deita. Con isto quero dicir que pito do mesmo xeito un encontro de xuvenís que outro de Primeira División, pois cada equipo estase xogando moito.

-Ser xuíz dun choque resulta, ás veces, moi complicado. ¿Tivo algunha mala experiencia ou anécdota?

-Sempre hai partidos difíciles e problemáticos pola tensión ou polo resultado, pero, por sorte, no que levo de traxectoria non tiven algunha agresión nin problema serio. E en canto a anécdotas, non me vén algunha á cabeza, pero seguro que as hai [ri].

«Se me equivoco, igual non durmo esa noite»

Óscar Martínez reflexiona sobre a dificultade que implica ser árbitro e da paixón do fútbol da Costa.

-O paso do tempo significou, tamén, que se respecte máis a figura do árbitro?

-Hai certos sectores da sociedade que si que nos respectan máis, pero tamén os hai que o fan menos como ás veces os medios de comunicación ou os pais. Todo depende de cada partido, pero si que se avanzou moito, sobre todo no terreo da violencia, pois hai quince anos o normal era que cada luns, ó chegar ó colexio de árbitros, houbese algún colexiado agredido; en cambio, agora, iso só pasa en casos puntuais. A xente o que ten que entender é que o árbitro, a parte de ser colexiado, é un actor máis do deporte. É xuíz, pero á vez deportista. De feito, os nosos erros tamén nos amolan a nós mesmos. Se me equivoco na toma dunha decisión, igual non durmo esa noite dándolle voltas á xogada.

-¿Bota de menos pitar no fútbol da Costa?

-Arbitrei moitos partidos en Primeira Autonómica e en categorías inferiores pero, neste caso, sempre próximos á zona de Esteiro. E si que me gustaría de vez en cando poder volver facelo. De feito, algunha vez téñenme mandado e vin con moitas ganas e ilusión. ¡Que mellor que arbitrar a túa xente na túa zona! Pero quen sabe nun futuro. Se algún día deixo a arbitraxe máis profesional, volverei. Sería un verdadeiro pracer.