«Como debuxante e humorista, Castelao estaba na vangarda de Europa» 

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CARBALLO

RAFA MILLARES

O humorista gráfico Siro López publica en galego un traballo no que repasa as influenzas estranxeiras no artista

23 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O humorista gráfico Siro López (Ferrol, 1943) presentou onte no CGAC o seu traballo Castelao na arte europea (Garañón), no que enmarca a creación plástica do autor de Sempre en Galiza nos movementos artísticos do momento. Un libro que agora sae en galego, como foi concibido orixinalmente.

-¿Por que a necesidade dun traballo que enmarcase a obra de Castelao a nivel europeo?

-Por varias razóns. Se Castelao se xulga como pintor queda mal comparado coa arte que se estaba facendo en Europa no seu tempo. Castelao non foi pintor porque non podía selo, e non o era porque carecese de condicións, senón que Castelao era un cego e malamente podía facer debuxos pegando o nariz ao papel. Polo tanto, nunca puido dedicarse á pintura. O que Castelao foi é debuxante e, sobre todo, debuxante, humorista e caricaturista. Se falamos de Castelao debuxante, humorista e caricaturista hai que dicir que estaba na vangarda do que se estaba facendo en Europa naquel momento. Iso é o que hai que subliñar, que Castelao estaba na vangarda, e explicar como un rapaz de Rianxo pode estar ao loro do que se fai na Europa máis avanzada. Diso trata o meu libro.

-¿E como chegou á vangarda?

-Porque Castelao desde moi novo se preocupou de estudar aos caricaturistas, aos debuxantes humoristas, aos ilustradores e aos grafistas europeos que máis destacaban. No momento en que nace a caricatura modernista hai unha revista en Alemaña, Simplicissimus, que vai cambiar o debuxo de humor e a caricatura no mundo enteiro. Aí hai un debuxante que se chama Olaf Gulbransson, que é un prodixio e sáenlle imitadores por todas partes. Castelao non o imitou, senón que aprendeu del. Despois, seguiu estudando. No libro inclúo datos que nunca se deran. Nunca ninguén chegara a estudar as influenzas estranxeiras en Castelao como o fago neste libro. Esas influenzas están non só no debuxo do humor, senón en toda clase de debuxo que fai Castelao. Esa fonte de inspiración para o seu traballo el atópaa en publicacións europeas como a francesa L’Assiette au Beurrt. Castelao comprou a colección completa e tívoa como un manual de consulta. Todo isto estaba sen dicir e hai que dicilo que foi así e non ten ningunha importancia. Dígoo eu, que son un gran admirador de Castelao, pero se toda esta información que dou chega a ser descuberta por alguén antigaleguista, diría que Castelao plaxiou.

-E, ¿fóra préstaselle a atención que merece a Castelao?

-Non, porque nós non nos preocupamos de exportar a Castelao. O que se coñece de Castelao na Bretaña son os traballos das cruces de pedra. Houbo un momento en que durante a guerra civil española tres debuxos serviron para facer selos de correos, incluso saíu un en Xapón. Pero a gran obra de Castelao non se coñece en Europa e para facelo é importante facer as cousas ben. Castelao é un extraordinario debuxante. Entón, o que hai que poñer son os seus debuxos e dentro deles hai que facer unha selección. No libro repaso toda a súa obra plástica e vou dicindo: este é marabilloso, este é mediocre..., porque malo non é ningún.

-Leva anos investigando sobre Castelao, ¿iso fai que aprecie a súa obra de diferente xeito?

-Cando descubrín a Castelao deime conta de que todo o que estaba facendo non valía para nada. A principal razón pola que me puxen a estudar a Castelao é porque lin a conferencia Arte e galeguismo. Nela di que para ser artistas internacionais non hai que seguir o que fan en París, en Londres, en Nova York..., senón que o que temos que facer é arte galega, bebendo na nosa cultura tradicional, e, a partir de aí, facer unha obra absolutamente galega. Interesoume tanto que me puxen a estudalo. E despois quería saber como se formou.