Lucho Penabade, parte de Os Quinquilláns, viaxa nos séculos coas súas obras e di que o futuro da Costa da Morte pasa polo turismo cultural
29 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Lucho Penabade (Muras, 1967) é o rostro da historia da Costa da Morte. El, xunto con Tero Rodríguez, é unha das caras de Os Quinquilláns, compañía especializada nas visitas teatralizadas. Así, Lucho é un criado no castelo de Vimianzo, un construtor de dolmens en Dombate, o naturalista Víctor López Seoane nas Torres do Allo e, do 4 de agosto en adiante, un monxe peculiar en Moraime. A iso súmaselle o ter encarnado a Mosqueira Manso en Corme.
-¿Non mestura personaxes?
-¡Non, que bah! Cada un ten cometido e argumento distinto, e logo os vestiarios e os espazos en si dan un carácter moi diferente. En común está a participación do público, unha tendencia a facer as cousas de tipo cómico e unha implicación emocional. De feito, a maiores das visitas na Costa da Morte temos outras. Unha, en Moeche, onde facemos de dous cómicos que deixaron quedar logo da guerra irmandiña porque non lles valían de nada [ri]. Na Guarda estamos no interior da vila, con dúas personaxes do 1918, un emigrante retornado e unha muller que manexa os círculos sociais. Na do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro é a única onde somos tres, con Pepe Penabade. Non é meu irmán... [ri].
-E así levan xa máis de 25 anos.
-Empezamos no 89, para o ano fariamos 30. Partimos de facer espectáculos en espazos non convencionais. Sobre todo de rúa, pero a crise marcou un parón e obrigou a deixar funcións nas que podiamos ser 7 ou 8 persoas para baixar a dúas e cambiar de estratexia. Sen posibilidade de gasto escenográfico ou equipo técnico, adaptámonos a traballar só con texto. En Moeche, estes dous cómicos que encarnamos din: «Somos dous cómicos sen máis armas que as pernas para correr e as palabras para contar historias». Iso é.
-Para que facer e transportar escenarios, cando os hai xa como o castelo ou as Torres, dixera.
-Claro, e magníficos. Estes sitios xa claman por un tipo de espectáculo. O que nos dá traballo é o guión, porque nos temos que documentar e facer un esforzo, non por contar verdades, senón por non dicir burradas. Hai cousas que se divulgan erroneamente ano tras ano e pasan e pasan... Por isto tes que ter informantes: no caso de aí, Xosé María Lema, Varela, Lito... Polo demais, tanto eu coma Tero estamos afeitos a escribir, a dirixirnos. Así apañamos.
-Xa hai anos que os seus veráns van de aquí para alá, pero cada semana na Costa da Morte.
-É moito tempo e acabas queréndolle a moita xente. A acollida foi moi boa, primeiro en Vimianzo e logo xa en Zas, Dombate e Moraime. Moraime tiñámolo no punto de mira dende hai tempo: Moraime é un pouco a historia de Galicia, grandeza e decadencia. Aínda así, cando un entra alí ve esplendor e logo están as pinturas recuperadas... Merece ser visto. Tamén é certo que nesa comarca tivemos outro aliado que non temos en ningunha outra de momento: a prensa, La Voz. Se non fose por persoas concretas que citei, e sen esta axuda, tamén as institucións, isto non tería pasado. Os alcaldes aí non son estraños, veñen ver as funcións e preocúpanse polo que fas. Estamos noutro mundo, a verdade. Noutras comarcas non se pode ver algo así porque xa ás institucións lles dá igual que fagas isto ou outra cousa. Incluso se pode dicir máis, nas catro localidades que estamos aí son catro partidos distintos nas alcaldías, e o trato igual de magnífico. Os concellos fóronse contaxiando.
-¿Lembra como coñeceu a Costa da Morte? ¿Que viu?
-Tiñamos actuado nas Festiletras e nalgúns concellos, de forma intermitente. Tiñamos contactos cando empezamos coas visitas teatralizadas, pero está o feito de que o patrimonio da Costa da Morte é impresionante. Hai sustento para que a medio prazo haxa unha atracción turística arredor dos petróglifos, do megalitismo... Si é certo que botamos en falla que a xente máis cercana non veña tanto a estes sitios como os turistas.
-Amosado o poder do teatro para contar historias e Historia.
-Descubrimos que, en vez de escribir historias máis ou menos inventadas a partir de cousas reais, era moito mellor e máis rico escribir sobre acontecementos históricos que te asombran canto máis les e coñeces. Isto está sen contar, porque o teatro histórico en Galicia non tivo moito peso. Foi sempre un intento de facerse. Hai obras e autores, pero non estaba completamente feito. ¿Que vantaxe hai agora? Que podes acudir a publicacións moi concretas. O teatro, a parte de trasladar información verbal, traslada unha información visual moi importante. Ten ademais un compoñente que rarisimamente se vai dar noutro tipo de visita, o emocional.
Para cotillas
-¿Que personaxe ou historia lle sorprendeu máis?
-Todas, en certa maneira. Poño o caso de Víctor López Seoane, un científico, metido alí nun pazo..., Chocaba. Velo ligado a unha cousa aparentemente retrógrada como é ser fidalgo. En Vimianzo, a historia de raptos, crimes e loitas medievais é impresionante. E a historia do Dolmen, marabillosa: ¿por que un dolmen tan enorme? Sorprende porque a idea que se ten da Costa da Morte é a dun sitio triste, de naufraxios, pero logo descobres un foco cultural que continúa. Vese claro que o futuro da Costa da Morte é un turismo cultural. É, probablemente, o turismo que pode distinguir a Galicia.
-Dígame un refuxio.
-Balarés. Identifícame. Teño ido moito coa miña familia. É un referente, témolo marcado.
-¿Mar ou montaña?
-Mar, mar. É o que máis coñezo. A miña compañeira tira ao mar.
-¿Peixe ou carne?
-Se vou á Costa da Morte, peixe. Está aí ao lado, xa se cheira, e hai restaurantes moi bos, aínda que nós cando actuamos imos de picnic, porque tampouco nos podemos permitir outra cousa. En Pedra Vixía, no Mosquetín...
-¿É bo cociñeiro?
-Na casa deféndome. Colles un peixe, mételo no forno e con non queimalo... Non hai moito máis [ri]
-¿O último libro que leu?
-«Las raíces de Galicia». Aínda así, eu sonche moito de Cunqueiro. Se podo volver ás Crónicas de Sochantre, a Si o vello Simbad volvese ás illas, ou a Merlín e Familia... ¡Uf! Ten unha imaxinación impresionante.
-¿É de cine?
-Non moito, case nada. O que vexo é a través da televisión.
-Con tanto desprazamento, ¿que escoita cando vai no coche?
-Cando imos os dous na furgo, case sempre imos repasando os textos. ¡Para que non se che vaia a olla no medio e quedes pampo! Se vou só, escoito moita radio.
-¿Que faría se tivese tempo?
-Descansar, ler... E teño pendentes festivais de teatro: Tàrrega, Avignon, Edimburgo, Santa María da Feira... Ir con tempo, tranquilamente...
-Vive pegado á axenda.
-Si, e iso é bo, porque nos permite especializarnos, pero tamén ten o seu. Un pensa en teatro e pensa en cousas marabillosas, pero este é tamén un traballo precario, tan normal coma outro calquera, con horarios interminables, cobrando máis ou menos, e sendo autónomos que se autoexplotan. Traballadores da cultura.