«Quixen ir ata a Rocheira e pechou por vacacións»

La Voz

CARBALLO

MATALOBOS

A regueifa da semana, por Lupe Blanco

19 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aquí estamos outro día

e non pode ser mellor

andamos moi ocupados

polas festas de arredor.

Veña pinchos, veña rutas

iso é o que che vexo

como pasa por Baldaio

na festa do Berberecho.

Estamos nos días propicios

e festas de envergadura

como pasa na Laracha

coa Feira da Horticultura.

E se de festas se trata

xa o di a regueifeira

hai que pasar por Malpica

ver a feira mariñeira.

Non podo falar de todas

por iso canto amodo

vamos ir a Camariñas

ver a Feira do Mar Todo.

Que máis vos podo contar

da festa que se celebre

o que non vai de parranda

debe ser porque non quere.

E claro que vou ás festas

que algún xa o imaxina

pero agora entroume a gana

de querer ir á piscina.

Vaia desastre daquela

xa armamos o follón

quixen ir ata a Rocheira

e cerrou por vacacións.

Ten razón señor alcalde

iso é un desvarío

o que se queira mollar

ten alí tamén o río.

É o novo pensamento

o que debe estar de moda

nin desfrutan os veciños

nin se ven algún de fóra.

Así está o panorama

cargadiño de artistas

por iso os de Coristanco

sómosche todos turistas.

Agora vou despedirme

que me toca de acabar

aínda que cerre a piscina

eu igual me hei de ir bañar.