«Un gandeiro moderno mira máis ao ordenador que ás propias vacas»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Carlos Castro

Foi vicerreitor da USC en Lugo, dirixiu a Escola Politécnica e vén de ser nomeado director xeral da Cetal polo padroado

30 dic 2018 . Actualizado a las 22:16 h.

O padroado da Fundación Cetal (Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo) nomeou recentemente ao zasense Javier Bueno Lema (1965) novo director xeral da entidade. Tomará posesión o vindeiro 1 de febreiro, substituíndo no cargo a Andrés Hermida, actual director. Bueno Lema é doutor en Enxeñaría Agrónoma, docente na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e foi Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo entre os anos 2014 e 2018, durante o mandato de Juan Viaño.

-¿En que campo do sector está especializado?

-Na actualidade imparto materias relacionadas coa mecanización agraria e forestal.

-Tamén ten unha prolífica actividade investigadora.

-Bueno a investigación na Universidade vai en paralelo á docencia. Formo parte dun equipo, teño dirixido varios proxectos, algunha publicación, diriximos teses, algunha patente...

-Hai oportunidades laborais para persoas formadas no agro?

-Eu penso que si, de feito na actualidade estamos tendo unha alta demanda de técnicos formados. Houbo unha caída no número de estudantes que comezan estas titulacións, xusto cando coincide que hai unha demanda importante por parte do sector. A industria agroalimentaria está continuamente demandando, así como o sector forestal, que pide cada vez máis técnicos especializados nas novas tecnoloxías. Penso que é un bo momento para incorporarse, pese a que á xente nova parece non atraerlle demasiado o sector primario.

-A que cre que se debe este descenso no interese dos mozos por cursar estas formacións?

-Esa é unha das grandes preguntas que nos facemos moitos de nós [ri], pero ao final hai tendencias que poden explicar esta situación: a concentración concéntrase cada vez máis en ámbitos urbanos, hai un envellecemento importante da poboación e hai un descoñecemento das oportunidades de emprego que pode dar o rural.

-Persiste esa percepción pública de que o traballo no rural é escravizado?

-Máis que prexuízo eu penso que é simple descoñecemento. Hai xente que non sabe como funciona unha explotación actual: un gandeiro pode pasar máis tempo mirando ao ordenador que ás propias vacas. Hai explotacións que están totalmente automatizadas, con robots de ordeño, con sistemas de alimentación e limpeza automatizados... Todo iso demanda técnicos cada vez máis formados que asesoren a estas granxas, que son punteiras no uso da tecnoloxía. Deste xeito, poden ter un nivel tanto salarial como de condicións de vida tan digno como en calquera outro sector.

-Cando foi elixido vicerreitor dicía que un dos seus obxectivos era atraer un maior volume de estudantes ao campus de Lugo.

-Recibimos no 2014 unha tendencia descendente, e nada máis tomar posesión iniciamos un plan de choque no que introducimos, por exemplo, un responsable que se encargaba do contacto cos centros de ensino. Iso conseguiu aumentar un pouquiño a matrícula, aínda que tamén nos enfrontamos neses catro anos a unha conxuntura de descenso continuado da poboación en idade de comezar a universidade, de mozos de 18 anos. En quince anos practicamente se reduciu á metade. Tamén levamos a cabo unha transformación da oferta académica, introducindo titulacións que resulten máis atractivas ao estudantado. No noso centro, por exemplo, comezará o ano que vén a impartirse un grao en robótica.

- No 2017 a Fundación BBVA e o IVIE recoñeceron catro carreiras lucenses como as mellores de España na súa especialidade: Veterinaria, Química, Cultura e Forestal. Outro pequeno gran éxito.

-Creo que é unha consecuencia directa de traballar con grupos máis reducidos, o que mellorou notablemente a calidade da docencia. É un orgullo.

-Non sempre son factibles os grupos pequenos. Hai titulacións bastante saturadas de alumnos.

-No referido ao meu centro, temos limitado o acceso a enxeñarías a 45 alumnos, co cal os grupos xa non son moi numerosos.

-A limitación de prazas non choca co seu obxectivo de aumentar a matrícula no campus?

-Agora mesmo en ningunha delas se chega a cubrir a matrícula ao 100 %, co cal están bastante axustadas á demanda. Sempre se podería subir, pero agora mesmo non existen listaxes de agarda.

«Temos un sector do vacún de leite que é capaz de competir mesmo con prezos moi desfavorables»

Xunto co gandeiro, o sector forestal é unha das áreas de especialización do zasense.

-O monte estivo á orde do día durante todo o ano, coa introdución da nova normativa.

-Tamén están xurdindo novas oportunidades e demandas de traballo. É un sector cada vez máis tecnificado, pois a maquinaria de aproveitamentos forestais xa ten un nivel de sofisticación moi elevado, polo que hai unha demanda de profesionais moi formados para dar servizo.

-Está desaproveitado o monte?

-O principal problema está na estrutura da propiedade. Hai unha organización territorial que impide que o sector forestal sexa máis rendible. Aínda que se vai mudando e se van facendo traballos de concentración e de aproveitamento colectivo, leva moito tempo e esforzo.

-Respecto á gandaría, na comarca séguese mantendo o modelo de xestión familiar? Ou van as explotacións adquirindo unha filosofía máis empresariais?

-Eu creo que non existe un único sistema que garanta a viabilidade da actividade. Poden convivir varios modelos, porque o importante é que cada un deles sexa rendible, tanto social como economicamente. Moitas veces a solución pasa pola tecnificación; e outras, pola extensificación, se tes dispoñibilidade de terras ou un mercado para a produción ecolóxica.

-Hai que valorar, entón, todas as posibilidades.

-Exacto, e aínda que o número de explotacións está indo moito a menos, as que quedan son cada vez máis competitivas e está moi profesionalizadas. Temos un sector de vacún de leite que é o principal aporte ao PIB do sector primario e que agora mesmo está sendo capaz de competir mesmo nunhas condicións moi desfavorables en canto aos prezos que se pagan polo leite.