Obremos con sentidiño

Carlos H. Fdez.Coto

CARBALLO

18 feb 2019 . Actualizado a las 19:11 h.

Os vellos tiñan un fondo coñecemento climático -sen necesidade de máquinas- porque observaban con paciencia o seu arredor e relacionaban os comportamentos. Aprendérono dos devanceiros. Sabían cando ía chover a través da observación do ceo, das árbores, da mar. Sabían onde construír as casas para ter a mellor protección fronte á natureza.

Sabían cales eran as leiras máis produtivas para cada produto, polo que os veciños tiñan fincas en distintos lugares co fin de obter o necesario para alimentar á familia e ao gando. Plantaban castiñeiros e carballos, que regulaban a velocidade e o curso da auga da chuvia ata o mar. Sabían ata onde podían chegar as súas augas cando os ríos se poñían bravos e retiraban deles as pólas e outros obstáculos que podían obstruílos ou botar abaixo as pontellas.

Analizando a construción popular vemos que as portas nunca están orientadas ao vendaval, analizando a morfoloxía das aldeas vemos que a súa estrutura está estudada para resgardar aos veciños dos fenómenos naturais.

Coa chegada do cemento e das máquinas crémonos capaces de dominar a natureza e de construír en calquera lugar, sen importar todo o aprendido. A realidade demostra que somos meros espectadores, que pertencemos ao planeta, el non nos pertence a nós.

Non debemos, por tanto, esquecer que a natureza responde ás nosas obras, que pode considerar agresións, e se intentamos mudar as leis naturais vólvese contra nós, destruíndo as obras humanas.

Hai espazos que o mar ou o río precisan para as súas actividades e que non podemos invadir nin modificarlle.

A súa protección é unha cuestión ambiental e paisaxística pero tamén unha garantía de supervivencia, son zonas nas que para velar pola seguridade dos cidadáns hai que preservar da construción de todo tipo. Incluso as obras públicas como os paseos marítimos e fluviais que tanto anhelan inaugurar os políticos, son obxectivo do rebumbio natural, porque están onde non deben estar, tampouco os recheos feitos sobre o mar.

Afortunadamente, hoxe está case todo debuxado no Plan Básico Autonómico e nos mapas de risco, pero durante estes cincuenta anos construíronse edificios en lugares que hoxe -e antigamente- sabemos que vai chegar a auga, máxime cando non se limpan os leitos fluviais.

Cando unha obra non sexa imprescindible, mellor é non facela.