O turismo galego ten no idioma un gran valor diferencial

nuria guillermo / X. A. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O curso de verán da UDC (en Carballo) sobre dinamización lingüística céntrase este ano no galego como recurso turístico

18 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A utilización da lingua como elemento diferencial pode aportar un valor para o turismo. A primeira xornada da 15ª edición do curso de verán sobre dinamización lingüística que organiza cada ano a UDC en Carballo centrouse nesta idea. «O que se intenta é empregar o galego como diferencial. Ser auténtico para acadar un turismo de calidade». Así resumía Jakson Renner, mestre da Escola Universitaria de Turismo, o tema xeral da súa conferencia, na que explicou o atractivo que un idioma pode chegar a ter á hora de atraer visitantes de calidade. «Non interesa ese turismo de paso, senón que o turista saiba onde está, que queira coñecer a idiosincrasia e a lingua. Ese turismo de calidade», afirmou.

Fátima Rodríguez, de Promove Consultora, falou da importancia da inmersión cultural dos visitantes. E concluíu coa necesidade de sensibilización por parte dos gobernos cara os proxectos de dinamización. A Xornada foi inaugurada por Valentín García, da Xunta; Julio Abalde, reitor; Evencio Ferrero, alcalde, e Marisol Ríos.

«Queda moito camiño por percorrer; nalgúns aspectos hai incluso regresión»

Na xornada de onte, Matías Martínez tomou como punto de partida a súa experiencia como profesor de linguas modernas na universidade de Cleveland (USA) para mostrar que o galego tamén esperta interese no estranxeiro. «Aínda queda moito camiño por percorrer; nalgúns aspectos hai incluso unha regresión, sobre todo na xuventude. Cada vez hai menos nenos que o falan». Explica que este foi o seu punto de partida para incluír no programa das súas clases materias relacionada coa cultura de Galicia, e defende que os estudantes sempre se interesan por ela.

Tamén se destacou a importancia da lingua como patrimonio histórico. Elvira Lezcano, profesora da Escola Universitaria de Turismo da UDC, tratou este asunto comparando o incendio da catedral de Notre Dame de París coa desaparición dun idioma. Ademais, incitou a reflexión sobre a posibilidade de que unha lingua deixe de falarse por completo.

En canto ás dúas mesas redondas, a primeira delas estivo enfocada cara a utilización do galego en diferentes museos da comunidade e como fomentar un uso maior.

A vespertina versou en torno aos diferentes modelos de dinamización lingüística de concellos considerados unha referencia neste campo, como é o caso do de Pontevedra e o carballés.

José Negreira, responsable de Normalización Lingüística no Concello de Carballo, concluíu que «os idiomas deben ser considerados unha oportunidade, non unha barreira».

O programa de hoxe

9.30 A lingua e a súa importancia nas visitas guiadas. Conferencia de Iria Varela Parafita.

10.30 Mesa de experiencias. Con Manuel Gago Mariño, Paula Fraga, Xan Galbán Galiñares, Xosé Gontá e Javier Olleros.

12.30 Mesa de experiencias. Con Rosalía Fernández Rial, Beatriz Corral, Xaime Garaboa, Alfonso Pato e Alberto Sueiro Pastoriza.

16.00 Potencialidades do turismo idiomático en Galicia. Conferencia de Lanzada Calatayud Álvarez.

17.00 Mesa redonda: A música en galego como atractivo turístico. Con Xurxo Souto, MJ Pérez, Belém Tajes e Lydia Botana.

19.00 Deseñar rutas turísticas en galego. Obradoiro con Encarna Otero Cepeda.