Tanxugueiras: «Na Costa da Morte temos raíces»

Marta López / Verónica Couto CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Tanxugueiras, en Paiosaco
Tanxugueiras, en Paiosaco BASILIO BELLO

Serán un dos pratos fortes da Carballeira de Zas: «Nunca estivemos, temos moitas ganas»

27 ene 2022 . Actualizado a las 13:22 h.

Cando Olaia, Sabela e Aida pediron axuda a un amigo de Riós para poñer nome ao grupo que viñan de formar, pouco podían imaxinar que chegarían a compartir cartel con nomes como Susana Seivane ou Xabier Díaz; ou que un axente da India as ficharía para ofrecer alí unha actuación; ou que dende Cuba as contactarían para impartir un obradoiro na Universidade da Habana. Tanxugueiras ten só tres anos de vida, máis non cabe dúbida de que chegaron para revolucionar a música tradicional galega.

Serán, este sábado, un dos pratos fortes da 36.ª edición da Festa da Carballeira de Zas, un festival ao que nunca tiveron ocasión de achegarse, mais para o que confesan estar entusiasmada. «Xa sexa porque nos coincidía algunha actuación ou por estar noutros festivais, o certo é que nunca puidemos asistir. Pero temos oído falar moito del e temos moitísimas ganas«, explicaba unha das compoñentes, Sabela Maneiro, en RadioVoz Bergantiños. «Tal e como están os eucaliptos brotando a cada paso é un gusto ver espazos como a carballeira», bromea a pandeireteira.

Ela, xunto coa súa irmá Olaia, son veciñas de Teo, mentres que Aida é natural de Aguiño (Ribeira). Porén, «na Costa da Morte temos raíces e tócanos o corazón», aseguran, e por iso «nos gusta tanto tocar por eses lares», aínda que din sentirse moi a gusto alí onde van. O Festival da Luz, o de Edimburgo (proximamente) ou o Celtic Connections de Glasgow figuran na longa listaxe de lugares aos que estas tres galegas levaron a súa arte. Grazas a este último, de feito, fixéronse virais nas redes sociais a través dun vídeo filmado nos camerinos cando improvisaban unhas pezas mentres agardaban para actuar. Con máis de 200.000 visualizacións e compartido ata en 3.000 ocasións, marcou un antes e un despois para estas tres mozas, que non son aínda conscientes de todo o sucedido nos últimos anos: «Non nos vemos como unha revolución, se ben é certo que nunca pensamos poder estar nos escenarios nos que estamos, ou en saír á India ou a outros lugares do mundo. Aínda hoxe nos seguimos sorprendendo e enriquecéndonos do público día a día», sinala Sabela.

Hai un ano lanzaron o seu primeiro álbum, Tanxugueiras, máis están xa traballando nun segundo disco que represente, aínda máis, a súa filosofía musical, baseada na adaptación do folk aos tempos actuais. «Tódalas músicas teñen que evolucionar cos tempos, como a moda ou calquera outro estilo de arte. Hai moitas músicas tradicionais que xa non as asociamos como tal porque as temos impregnadas na nosa mente (o rock, o jazz, o blues...). Non hai que ter medo de facer o que queiramos coa nosa música, sempre que sexa con moitísimo respecto, con amor e cantando na nosa lingua», reflexiona a compoñente de Tanxugueiras, unha formación que este ano foi recoñecida co Premio Martín Códax ao mellor grupo tradicional galego.

A Zas, aseguran, traerán «moita risa, tolería e festa, que para iso se fai», aínda que tamén incorporarán algún tema «máis melancólico»: «Os concertos dámolos para a xente, así que queremos que se involucren», sentencia Sabela.

O programa, en detalle

Venres, día 2

22.00. Perfusión

23.00. Susana Seivane

00.30. Celtic Social Club

02.00. Dakidarría

Sábado, día 3

12.00. Os Farrapos

12.30. Exhibición de Marcos Mariño (talla con motoserra)

13.30. Fourth Moon

14.00. Sesión vermú con mexilloada gratis para o público

14.45. Vudú

16.00. Lupe Blanco e Alba María

17.30. Foliada

20.30. Monoulious Dop

22.30. Tanxugueiras

00.00. Korrontzi

01.30. Tide Lines

03.00. Baiuca

Ademais. Artesanía e zona infantil.