Latexos da aldea

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

23 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ooutro día, ás beiras do encoro da Fervenza, nos lindes de Brandoñas, sentíase unha serenata ben particular. Eran os cantos das ras que enchían de rechouchíos o ambiente.

As ras son eses seres solitarios e totalmente especiais que necesitan un ambiente tan singular coma este para poderen estar. Chega con que haxa regos ou canles preto para que se poidan escoitar.

A verdade é que na aldea non todo é silencio, ten unha banda sonora ben singular que nada lle ten que envexar ás Catro estacións de Vivaldi. Aseguro que hai máis sons por descubrir.

Os cantos dos merlos en primavera, ou os das pegas dos malos augurios, sons que se filtran á mañanciña polas fiestras abertas a canda as primeiras raiolas de sol. Tamén confeso que me gustan os ruídos das abellas, nesas horas do serán onde se recollen no niño.

De noite o que máis me gusta é o ruído que fan os morcegos. Maila que son feos e esquivos, ninguén pode dicir que non son espectaculares os seus voos. Os maiores da zona chámanlles touciñeiros, a saber o motivo de tal apelativo. Nas noites cerradas, emprenden a voar ao lado da miña casa, evadindo a luz do alumeado público, baixiños, cortando o aire coas súas ás coma se fosen coitelos afiados. Parece mentira que neste mundo de polución aínda persistan e non se extinguisen xa.

Por último, gústame o son da tormenta de inverno, devastadora e irascible, que fai chiar o tendido eléctrico. Sempre que non faga estragos, claro. Mais está demostrado cientificamente pola miña persoa que non hai nada como adormecer co son da chuvia.

Para que despois digan que na aldea impera un silencio enxordecedor. Ao fin e ao cabo, como todo na vida, é cuestión de perspectiva.