Clara Amado: «É bonito que te chamen e impliquen nas cousas que hai na túa terra»
CARBALLO
Acompañada de Ana Sánchez, ao piano, a pontecesá actuará na entrega dos premios Contos de Nadal no museo de Corme
20 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Mañá será o día para Adrián Varela Dovale e nove rapaces máis da Costa da Morte que foron recoñecidos polo xurado do certame Contos de Nadal -convocado por La Voz de Galicia e Radio Voz co patrocinio de EDP Renovables- pola súa creatividade e orixinalidade á hora de plasmar sobre o papel diferentes historias de temática navideña.
O Museo de Arte Contemporánea de Corme é o lugar escollido para esta entrega que, presentada polo locutor Fran Rodríguez, terá tamén a súa parte dedicada ao entretemento.
Correrá a cargo da cantante pontecesá Clara Amado, de 18 anos e estudante de Educación Primaria no campus de Lugo: «É moi bonito que te chamen e te impliquen nas cousas que hai na túa terra», di a moza, que agradece a súa presenza, dende hai un par de anos, en diferentes actos sociais e culturais de Ponteceso. É algo que lle serviu, asegura, para darse a coñecer nun ámbito local e ir medrando «pouco a pouco, dende a base».
Autodidacta, valeuse de tutoriais publicados na plataforma Youtube para aprender a acompañarse coa guitarra e o piano: «Pensei que era unha mágoa ter eses dous instrumentos na casa e non saber empregalos, así que comecei a buscar os aspectos básicos para ir aprendendo moi pouquiño a pouco», di Clara, que mañá interpretará dúas pezas acompañada da súa gran amiga, e tamén pontecesá (de Langueirón), Ana Sánchez.
Ámbalas dúas abrirán o acto de entrega co tema Venecia, de Ainoa Buitrago; e pecharano co xa popular e reivindicativo Tempestades de Sal, da galega Sés. Neste último caso, ela mesma tocará a guitarra, ademais do acompañamento a piano.
«Encantaríame compaxinar a música coa ensinanza. Son as miñas paixóns»
Clara Amado leva cantando dende que ten memoria. Dende que con tres ou catro anos saltaba á comba ao ritmo dos temas de «Chenoa ou Bisbal». Precisamente ela tentou presentarse aos castings dalgúns destes certames televisivos, mais non houbo sorte polo de agora. Unha vez superado o baixón anímico inicial, caeu na conta de que «se o que de verdade me gusta é cantar, seguireino facendo pase o que pase», asevera a moza.
Actualmente está comezando os seus estudos de Educación Primaria en Lugo, unha rama que a ten fascinada. «Non sabería escoller entre a música e a ensinanza. A poder ser, gustaríame poder compaxinar os dous aspectos, porque son as miñas grandes paixóns», asegura, e cre que a música é, precisamente, un instrumento esencial á hora de transmitirlles certas ensinanzas aos máis cativos.
Un aspecto no que lle gustaría mellorar é a composición de temas propios, pois estima que «sempre se pon moita máis paixón na interpretación de algo que creou un mesmo». Encantaríalle, di, pero para iso ten que seguir aprendendo. Durante unha tempada estivo recibindo clases, mais a presión exercida por segundo de bacharelato «puido con todo». Agora, unha vez superado ese complicado tramo, non descarta retomar a formación musical para, así, ter máis oportunidades fóra dunha comarca á que lle está eternamente agradecida por axudala a dar «eses primeiros pasos» que tan importantes son, segundo afirma.