Un agasallo especial polo Nadal

La Voz

CARBALLO

21 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Quinto Premio

Lucía María Pampín Acosta | CEIP A Cristina

Había unha vez dous irmáns, Nora e Xosé, que vivían en Fisterra. Levábanse moi ben e queríanse moito, pero ás veces pelexaban... tamén no Nadal. Un día, despois de cear, quedaron durmindo e a súa nai foinos deitar e deulles un bico.

Á mañá seguinte Nora berrou «Xa é Nadal!» e Xosé levantouse correndo e contestoulle: «Papá Noel deixou unha carta no salón. Imos lela!». Nora comezou a lela e dicía o seguinte: Nora e Xosé, hoxe é Nadal! Tedes un agasallo moi especial. Non é nin turrón, nin chocolate, nin xoguetes, nin roupa... É algo moi especial, pero teredes que buscalo xuntos.

«Que será?», preguntou Nora. «Non sei, pero imos buscalo!», contestou o seu irmán. Pola ventá víase o faro de Fisterra, que acendía e apagaba como se lles quixese dar un sinal... Xogaran tantas veces alí que decidiron achegarse a ver se atopaban ese agasallo especial. Xusto na porta do faro había outra nota: Estades ben cerquiña do voso agasallo! Ánimo!

Os rapaces miraron arredor e non viron nada que lles dese ningunha pista, así que, cansos, sentaron nos golfiños de pedra que hai ao lado do faro, mirando a inmensidade do mar. «Non o imos atopar, Xosé», dixo Nora. «Temos que seguir intentándoo, Nora. Xa sabes o que nos di mamá, que con esforzo e axuda todo é posible», respondeu Xosé.

Baixaron ata a punta do cabo e viron a Papá Noel sentado onda a bota dos peregrinos. Era el! Estaba descansando do traballo que tivera toda a noite.

Ao velos, díxolles: «Ola, rapaces! Agardo que vos decatarades que o mellor agasallo é o amor de irmáns e o esforzo por conseguir os vosos soños. Agora volvede á casa e buscade os agasallos que pedistes... Están no garaxe, seguro que vos fará moita ilusión!».

E Papá Noel desapareceu... Nora e Xosé nunca esquecerán aquela mañá buscando pistas por Fisterra.