Ricardo Pallas: «Os autónomos sempre miramos cara adiante, malia ás adversidades»
CARBALLO
O presidente do Centro Comercial Aberto de Carballo pide a implicación de todas as Administracións para recuperar a actividade
27 mar 2020 . Actualizado a las 22:04 h.Ricardo Pallas Osinde (44 anos) preside dende o 2017 o Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo, unha veterana entidade que agrupa a máis de 80 comercios do municipio. No seu caso ten unha tenda de deportes, na que traballa dende 1997, aínda que se trata dun negocio familiar que naceu en 1984, sucesor dun ultramarinos. Estes días el, os asociados e o comercio en xeral están a pasar por una situación grave e inaudita.
-Como lles está afectando?
-É fácil: a porta pechada, ingresos cero. Estanos afectando ao máximo. É unha situación nova para todos, coa incerteza de como vai rematar isto, e cando, e despois teremos que facer moitas valoracións e seguir adiante. E é preciso que as Administracións se impliquen.
-Como poden axudar?
-De moitas maneiras. Creo que este primeiro paquete de medidas de ERTE e de axudas aos autónomos é importante. Estamos en contacto coa Federación Galega de Comercio para ver como se pode actuar a nivel autonómico. E tamén estamos en contacto co Concello, pedímoslle medidas e onte xa anunciaron varias en impostos e taxas. Hai un diálogo aberto, iso é bo. E haberá que sumar de todos: Administración central, autonómica e local.
-Pero iso non chega.
-Axuda, pero logo cada comercio ten que facer un estudo da súa propia tesourería, das posibilidades que ten. Por exemplo, falando cos provedores, para ver opcións de aprazamento. Hai que analizar todo moi en detalle: ver, por exemplo, se se poden cancelar pedidos pendentes.
-E as liñas de crédito?
-Tamén hai que miralas. Son boas para momentos puntuais, para cando precisas liquidez, pero se non é así é un aprazamento de pago. E se non tes ingresos non podes pagar. Hai que ver con detalle todo isto, non vaia ser que teñas máis problemas no futuro. O que imos facer todos é mirar cada cousa en detalle para reducir os custos ao máximo.
-Cre que vai haber moitos peches?
-Oxalá que non. Pero non me podo aventurar, esta situación é completamente nova e non sabemos que vai pasar. E, ademais, cada comercio é distinto, cada un ten as súas circunstancias. Iremos vendo as axudas, as maneiras de colaborar das Administracións... E temos que facer tamén un chamamento ao consumo no pequeno comercio, porque sen iso non se vai facer nada.
-Iso é algo que non hai que esquecer, porque non vai ser só cousa das Administracións.
-Claro. Ten que quedar claro que o comercio dálle vida ás vilas. Nós, como CCA (estamos a disposición de todos os socios para axudar), xa estabamos traballando nesa liña, preparando unha campaña de imaxe, centrada nese aspecto de solidariedade co comercio local: o fomento das dinámicas das rúas, os paseos, mercar nas tendas...
-Que é o que fala estes días cos compañeiros comerciantes?
-O normal, falamos da preocupación que hai. Pero somos autónomos, e os autónomos sempre miramos cara adiante, malia ás adversidades que temos, que non son poucas. Comentamos o que pasa, as posibles solucións, o que está por vir... O que falamos nós é o que se fala en todas partes.
-Ten habido voces que avogan por abrir comercios, non só os de primeira necesidade.
-Como opinión persoal, eu non o vexo. De feito, creo que alí onde a incidencia é maior penso que as medidas deberían ser mesmo máis restritivas, para parar isto canto antes. O primeiro é a saúde, atopar solucións, e logo xa iremos vendo. Seguridade ante todo, e paso a paso.
-Antes falaba da situación dos autónomos, e sempre se comenta que son un colectivo moi prexudicado. Hai lugar para o optimismo?
-Tanto aos autónomos directos como aos que teñen asalariados cústanos un pouco máis. Os riscos sempre son maiores. Seguen chegando pagos, consumos mínimos, agora o trimestre...