En primeira persoa | «Cando todo pase, gustaríame ver unha sanidade pública con recursos e de calidade. Sen ela, o demais non ten sentido», escribe Chus Arán
12 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.
Teño que recoñecer que é imposible resumir o irresumible. Estamos a pasar por momentos moi complicados coa pandemia do COVID-19. O peor, para os que se quedaron atrás e para os que loitan por saír dos hospitais. Outros estamos convalecentes e agardando que as diferentes probas nos liberen desta cruz.
A cara do tema sabémola todos: a entrega sen fisura dos que están en primeira liña (sanitarios, forzas de seguridade, etcétera), as corporacións locais coas súas medidas, e, como non, o comportamento da sociedade en xeral ó respectar as medidas desta situación excepcional e a solidariedade de particulares e empresas. Son momentos de unión, non de divisións, pero tamén de matizacións para mellorar. Pero tamén hai unha cruz como a vivida en primeira persoa. Non é unha opinión subxectiva, é a vida mesma.
As carencias da atención primaria e da administración. Un 12 de marzo marca a miña odisea cando acudo a urxencias de Carballo por non contestarme ninguén no famoso teléfono 900.400.116 que a Xunta pon para atención polo coronavirus, con síntomas de febre alta, dores musculares, tose seca… A facultativa aconséllame quedarme na casa e facerme seguimento por médico de cabeceira. Curioso, levo non sei cantos meses sen médico por non poñer substituto o médico titular da praza. Por iso non me dan vez ata o 17 de marzo; cinco días que nun proceso deste tipo poden ser moi importantes. Aténdeme telefonicamente unha doutora á que me derivan e tócolle sen ser da súa «cota». Non me acordo do seu nome, pero para min foi un anxo e a miña sorte.
Como non remitían os síntomas e sen seguir consellos de protocolo, derívame a urxencias do Chuac na Coruña, cun informe que encabeza «insuficiencia respiratoria»; palabras máxicas que serán a miña salvación. Grazas por antepoñer a súa profesionalidade a outras cousas.
Urxencias do Chuac. Aténdeme outro anxo en urxencias que ó chegar realízame exploración e, por protocolo e sobre todo por sentido común e precaución, manda facerme placas de tórax frontal e lateral. Como resultado, «pneumonía bilateral». Ingrésanme en observación e realízanme análises e proba do coronavirus. O resultado, positivo. A un vénselle o mundo encima. O primeiro no que pensas é na familia. Despois, nas persoas coas que estiveches en contacto. Fas de tripas corazón e comunícasllo a familiares, amigos, etcétera. O positivo é para que estean alerta por se teñen síntomas.
Ingreso en planta. Recibo tratamento e danme a alta o 25 con confinamento na habitación da casa e medicación. Dou as grazas polas atencións recibidas, pero mentres tanto, sinto impotencia por non poder xestionar o mal grolo que está a pasar a familia. Están afectados, dáslle mil voltas e recibes chamadas pola súa parte para que poidan facer as probas, 061, sanidade preventiva… Isto daría para un libro no que non quedaría moi ben algún profesional e algunha administración sanitaria. Con síntomas dous membros da unidade familiar e un sen síntomas, neste período non se achega nin un facultativo á casa e pasan os días. Menos mal que hai outros anxos que se preocupan. Vós quedaredes nos nosos corazóns. A administración sanitaria decide ó final facer test só aos dous con síntomas e a terceira cando os teña. Como! Ó final fan as dúas e dan positivo. Confinamento e control de síntomas, e se empeoran, avisar 061. Deus reparta sorte!
Durante este período un está hospitalizado na planta 10 do Chuac, sen entender este caos de protocolos contra protocolos e actitudes incomprensibles, con máis preocupación e impotencia polos de fóra que por un mesmo, xa que estou en moi boas mans. Pero de volta na casa, seguimos con illamento e as esperas para realizar probas, iso si, sempre tendo que chamar porque por norma esquécense de chamarche, e cando o fan con boas formas e trato, a «Deus o de Deus e ó César o do César».
Pero entre tanta desorganización, hai un tema que me doe. Escoito novas de que a afectados ou familiares de positivos de COVID, persoas sospeitosas ou persoas sen máis que deciden poñer máscaras e medidas de protección pola rúa, aparécenlles individuos ou verdugos que os acusan de saír e contaxiar, de non comunicalo, etcétera.
E empeza unha nova epidemia, por parte dunha minoría, iso si, a da falta de contrastar se algo é verdade, de falta de solidariedade, a da incomprensión, a falta de humanidade cara o afectado e a familia... Comeza a sociedade morbosa «á caza do positivo».
Eu cando estaba en planta no hospital, algúns xa me situaban na UCI, grave. Só lles faltaba dicir que xa me deran a «extrema unción». Non se dan conta do dano que fan a familiares, amigos… Son poucas as mostras feitas públicas, pero suficientes para facer unha chamada de atención para que isto non vaia a máis.
Cando isto pase, todos temos que facer unha reflexión e fóra de «forofismos políticos», poñernos todos a favor dunha nova xestión da sanidade pública, goberne quen goberne. Bastantes cousas teñen que cambiar, porque niso vainos a vida e eu vivino. Desde o pasado día 12 creo nos anxos da sanidade pública porque os vin, pero gustaríame ver tamén, cando todo pase, unha sanidade pública con recursos e de calidade. Sen ela, o demais non ten sentido.
Apuntamentos biográficos:
Xosé María Arán Rodríguez naceu en Golmar (A Laracha) no ano 1964. Agora vive en Carballo. Entre outros cargos, é vicepresidente do colectivo antidroga Vieiro e deu positivo por coronavirus. Estivo ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).