Risco tiña razón

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

CARBALLO

28 abr 2020 . Actualizado a las 11:13 h.

proceso de confinamento deixa en evidencia a mala calidade das nosas vivendas; non polos materiais senón pola calidade espacial, á salubridade, a iluminación, a versatilidade e as proporcións. Nada avanzamos desde que os modernos como Le Corbusier -hai 100 anos- falaban da máquina para vivir, descubrindo solucións que benefician á nosa saúde, que fan máis agradables os fogares.

Namentres en Portugal nos levan décadas de adianto, a oferta inmobiliaria galega segue ancorada no esquema básico de espiña de peixe, cun corredor e ocos para usos pechados: o que entendemos como piso normal.

A investigación arquitectónica e urbanística están ausentes, antagonicamente a outras ciencias. Non existe a innovación nestes eidos, pola presión dos especuladores fundamentalmente, que ven na vivenda un negocio seguro. Tamén hai razóns urbanísticas, porque a investigación europea non se materializa no país, e as leis que rexen a construción son arcaicas e moi ríxidas.

Pero tamén hai razóns costumistas: o consumidor ten prefixado o modelo do século pasado, tanto os compradores de pisos como os que fan a súa casa. Valórase máis maquillar unha fachada con pedra que ter espazos amplos e luminosos. Valórase máis a calidade dos azulexos que unha boa orientación.

Que razón levaba don Vicente Risco cando dicía que: «Almacenar aos homes en andeis, como xéneros, é degradante; aínda que eles non o noten, quítanlle os ánimos para as empresas nobres». Convén investir na investigación urbanística e arquitectónica, igual que se fai con outras ciencias, e cómpre tamén concienciar aos cidadáns.