A escritora ceense María Canosa suma dous novos libros

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Firma de libros de María Canosa
Firma de libros de María Canosa JORGE PARRI

«Unha fábrica de bicos» e «Lobo Ramón», ambos para nenos

31 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora ceense María Canosa Blanco (1978) volve ter novidades editoriais no eido da literatura infantil. Non deben andar lonxe os medio cento de obras escritas por parte desta prolífica autora da Costa a Morte, que agora suma á extensa listaxe dous novos títulos, Unha fábrica de bicos e Lobo Ramón. Repítese, practicamente, unha fermosa casualidade do último trimestre do 2019 cando a escritora vía na rúa, ao mesmo tempo, dous libros seus, O lado do que dormes (Xerais) e Candorcas e unicornios (Galaxia). Sumábanse nese ano a A peregrina gastrónoma, unha guía do Camiño Inglés ben particular.

Ilustrado por Dani Padrón (Ourense, 1983), Unha fábrica de bicos é un libro que, dalgún xeito, vén a responder esta pregunta: Pódese aprender a dar bicos? «A Mindi non lle gustan os bicos. Nin sequera un pouco, a pesar de recibilos. Esa pode ser a razón de que non os dea. Quizais si ou quizais non. Pódese aprender a dar bicos? Existe unha máquina que os fabrica dentro de nós e os fai saír a través dos beizos? Como e cando se pon a funcionar?», recolle a sinopse desta obra, unha novidade da colección Pequeno Merlín de Xerais. Con ela volve María Canosa a estimular o imaxinario dos máis pequenos e o pensamento dos maiores. Xa hai unhas cantas semanas que esta obra se pode atopar nas librarías, e axiña chegará tamén a elas Lobo Ramón. Oqueleo adiantou a publicación a estes días, así que dobre novidade dende as letras ceenses. Neste caso, as ilustracións corren por conta de Nuria Díaz.

Premio para Concha Blanco

Feliz estará seguramente María, ademais, polo novo premio acadado pola tamén escritora ceense Concha Blanco, que é súa nai. Así, a obra Macedonia de versos, con ilustracións de Lidia Nokonoko, vén de obter un galardón na categoría de primeiro e segundo de primaria da 16.ª edición do certame literario Frei Martín Sarmiento. Fallaron o certame os lectores e lectoras dos colexios pertencentes á rede de Escolas Católicas.