Este pasado sábado, tiven o pracer de ser convidada a unha das xornadas desenvolvidas no ciclo Primavera en Dombate.
Conteilles sobre a vida e a obra de Manuel Lema, o pintor näif, o home dos pitos, o encofrador, o labrador e outras múltiples facetas desenvolvidas e das que nunca renegou. Sorprende que despois de tantos anos quede na memoria o recordo dun home humilde, afable, que sempre buscaba transmitir coñecemento. Era o home que escapaba os domingos, ante a mirada estupefacta dos compañeiros de traballo, a museos coma o do Prado ou o Louvre para ver cadros e copialos.
Máis aló de todo, a pintura de Manuel fala da guerra, da barbarie da contenda que decidiu a Guerra Civil, a batalla do Ebro.
Bando nacional
Aínda así, hai quen pensa que Manuel gañou o Premio Barrié de la Maza por ter un xurado como Filgueira Valverde. Aínda hai quen sinala a quen foi no bando nacional coma se meu avó puidese elixir, poñéndolle a etiqueta de franquista.
Mais, a aqueles que coñecemos a fonda pegada que deixou neste mundo, non nos enganan. O inxenuísta gañou por trasladarnos a través da súa obra a pena e a morte de tantos combatentes que morreron amparados unicamente a unha fotografía da súa noiva ou de súa nai.
É unha honra que mozos tan novos coma os de onte, se interesasen por coñecer un pouco da historia que agroma arredor da Igrexa de San Xoán de Borneiro.