Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Primitivo Reguera: «Para min isto non é un cargo, senón o amor por un club»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O novo presidente de Basket Xiria xa traballa en recuperar canto antes o equipo sénior feminino

21 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Primitivo Reguera Rodríguez (Carballo, 1976) é dende a pasada semana o novo presidente da Escola Basket Xiria. Pasou por distintos postos na directiva, e incluso estivo á fronte da sección de baloncesto da anterior Asociación Deportiva Xiria. Asume o cargo acompañado por outras seis persoas da localidade anteriormente vinculadas.

-Como afronta este novo reto?

-Realmente é unha continuidade do que viña facendo. A única diferenza é que agora tócame tomar algunha decisión, aínda que moitas tomámolas en conxunto. Afróntoo con grande ilusión, porque me criei en Xiria, pero á vez con moito respecto. O importante é remar todos na mesma dirección.

-Comentaba vostede un día que é un home moi ocupado e, aínda así, ao non haber candidaturas á presidencia non dubidou en dar un paso adiante.

-Si, un pouco pola traxectoria como xogador, adestrador e directivo tocábame. Pero si que é certo que hoxe en día o maior problema en todas as directivas é a falta de tempo, porque cada vez complícanse máis as tarefas administrativas.

-Niso seguro que ten moito que ver o crecemento que experimentou a entidade nos últimos anos. Vostede viviuno en primeira persoa.

-Daquela non estabamos ao nivel de agora, xa non só deportivamente falando, senón que era unha entidade máis ben de amigos. Na actualidade fan falta traballadores asegurados, e de feito temos uns doce, porque o volume de xogadores é importante. Por exemplo, collemos A Laracha, onde non había baloncesto, e grazas a iso agora o municipio ten bos números e naceu o Club Baloncesto Laracha; ao igual que nos gustaría que en Ponteceso fose así no día de mañá. Como cabeceira da comarca como é Carballo é a nosa función. O ano pasado tivemos 200 xogadores. A cifra vai a máis se temos en conta o convenio que mantemos con Baloncesto Artai e Básquet Coruña, que son vitais á hora de que ningún xogador quede sen equipo na base, e mais no caso do conxunto sénior, xa que moitos marchan estudar para fóra.

-Incluso na anterior tempada tiveron máis licenzas femininas que masculinas. Que pasou para que neste período o equipo sénior feminino desaparecese?

-Que ou ben por estudos ou por outros motivos non logramos reunir o número de xogadoras necesarias e véusenos o tempo enriba. En cambio, este ano temos 17 mulleres que xa son sénior, e a idea é sacalo adiante canto antes mellor.

-No seu caso, que o levou a introducirse no baloncesto con 12 anos?

-Dixéronme: «Ti es alto, ven probar un día». No colexio Fogar xogabamos moito ao fútbol e ao baloncesto, e comezoume a gustar ata o punto de que pasei a formar parte do equipo infantil da Asociación Deportiva Xiria. E daquela a hoxe. Moitos que empezamos así seguimos vinculados a este deporte. O baloncesto deunos unha vida a moitas xeracións en Carballo. A min axudoume a nivel persoal a ser quen son, así é que formar parte desta entidade, para min, non é un cargo, senón o amor por un club. Dedicarlle tempo á xente de Carballo é moi sacrificado, pero moi gustoso.

-De cara á vindeira tempada, que obxectivos teñen?

-Por unha banda, fortalecer máis a base, facer máis equipos en pequebasket, para garantir un relevo futuro no conxunto sénior con xente de Carballo, aínda que co covid vai ser complicado. No que son os equipos de formación, como os de categoría júnior, facelos máis competitivos xa que están nun bo nivel. E con respecto ao conxunto da Liga EBA, asentalo na categoría, sen pasar os apuros deste ano. Respecto a isto último estamos á espera de que nos confirmen a praza dende a federación española.

-Como lles pode afectar o coronavirus a nivel económico?

-Contamos con que a xente, dentro das súas posibilidades, nos siga apoiando, porque non é algo publicitario, senón xa unha cuestión de compromiso e responsabilidade social. Investir en deporte é facelo en saúde, no pobo, en educación. Por iso trataremos de confirmar o maior número de patrocinadores posible e de reducir ao máximo os gastos.