Achéganse campos de voluntariado, campamentos e a 38.ª escola de verán
28 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Algunhas pinceladas xa houbo, pero aínda queda por diante o groso dun verán ben animado no Couto (Ponteceso). Un país norteño galiciano para poetas e pintores, cheo de luz, de cores e de melancolía... tal foi o berce do noso bardo. Estas palabras de Manuel Murguía inspiraron en certo modo o campamento Un país para pintores e poetas que se levará a cabo do 3 ao 12 de agosto, e no que vinte nenos de 12 a 14 anos pulsarán creatividade e lecer coa inspiración poética de Pondal e a pictórica de Álvarez de Sotomayor. Apoia esta iniciativa a Dirección Xeral de Xuventude.
Tamén o 3 de agosto, ata o 4 de setembro, botará a andar a 38.ª edición da Escola de Verán Monte Branco, para a que mesmo houbo que ampliar prazas. Sempre en grupos moi reducidos, a causa do covid-19, enmarcarase no eido da igualdade: patrocina Secretaría Xeral de Igualdade e colabora o Concello.
Alí, Xaz, é un campo de voluntariado xa con traxectoria en terras pontecesás: nesta ocasión, será do 27 de agosto ao 7 de setembro, tendo como destinatarios a mozos de entre 18 e 30 anos. Unha iniciativa medioambiental e etnográfica que volverá dirixir Rafael Quintiá e que patrocina a Consellería de Política Social, a través, tamén, da Dirección Xeral de Xuventude.
Un documental de Omar Rabuñal, doutra banda, será o resultado de Saberes de Muller, sabedoría popular trasmitida de avoas a netas por parte de mulleres bergantiñás, co apoio da Consellería de Cultura e Turismo. Finalmente, a Axencia Galega de Innovación, coa colaboración de Caolíns de Vimianzo, Glaucor, Entretendo, Xeoclip e Alalá, patrocina un campamento científico tecnolóxico: do 31 de agosto ao 4 de setembro.