«O santuario do Briño», por Juan Félix Neira Pérez

Xosé Pumar Gándara

CARBALLO

01 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde hai uns anos veñen publicándose monografías sobre parroquias e santuarios da nosa arquidiocese. Son traballos froito do Arquivo Diocesán, creado polo arcebispo monseñor Suquía. Pasaron os tempos nos que os arquivos parroquiais estaban nas casas rectorais, coidados polos propios párrocos. Hoxe tan só permanecen os libros dos últimos cen anos. Sabemos de pescudadores en arquivos parroquiais que arrincaron folios, ou levaron libros enteiros aproveitando a confianza do clero diocesán. Agora, no Arquivo Diocesán os libros teñen o coidado de expertos que os protexen da humidade e insectos ameazantes. Ademais do arcebispado, a Deputación da Coruña colabora na custodia deste valioso patrimonio. Chegan cartas ó director do Arquivo solicitando partidas, desde o exterior, necesarias para acreditarse como español ou para outras xestións.

Ter mesa para investigar no Arquivo non é fácil. Habería que ampliar aquel espazo. Son moitas as teses e traballos que se están a facer. Importantes son os Libros Sacramentais, pero tamén os de Fábrica e Confrarías. Isto confírmase na publicación sobre o Santuario do Carme do Briño.

Recentemente implantouse na Administración Parroquial un sistema homologado que sirve para estatísticas, avaliacións xerais, pero pérdense datos particulares sobre altas e baixas no patrimonio parroquial, procedencia e autoría das imaxes. A non ser que se leve un libro con esta información. As confrarías foron unha recuperación do Sínodo Diocesán do 1909. Tiñan un regulamento encabezado cuns artigos que repetían textos tomados das confrarías do século XVIII, nos que se proclamaban confrades de honor ó rei de España e ó arcebispo de Santiago.

O señor Neira Pérez, anque nado na Pobra do Caramiñal, é un bergantiñán por cultura e afáns. Os seus estudos sobre Eduardo Pondal revelan datos inéditos. Que o señor Neira fixera unha investigación tanto polo miúdo é algo que o Briño saberá valorar e agradecer. Coido que tamén será un estímulo para que aparezan traballos semellantes referidos a tantas capelas, ermidas, igrexas que temos entre nós.

López Ferreiro na súa monumental Historia ten unha consideración para tantas ermidas desaparecidas, vencidas polo tempo. Hai máis de 120 anos que isto dicía aquel autor, e xa anunciaba perdas daquela. Ás veces, hai pedras que foron de ermidas, agora aproveitadas en valados, muíños, casas.

Para estudar O Briño, o noso autor ten amplos coñecementos de historia, arte e literatura. Felicitámolo afervoadamente, como tamén ó benquerido compañeiro don Antonio Méndez Farto, a quen aparece dedicado o libro, xunto coa veciñanza de Borneiro. Ben dito é proclamar ó Santuario do Briño como «Paraíso de arte e natureza en Cabana de Bergantiños». Dombate e Borneiro, dolmen e cidá, son un complexo de luxo para o santuario. Un apertado índice do contido da obra sería así: O Briño no espazo e no tempo. Época moderna e contemporánea. O patrimonio material. A economía e as obras no santuario. O Briño na memoria.

Recolle o libro o cancioneiro popular do santuario. Velaí a inspiración do pobo bergantiñán. Botamos de menos aquelas estampas romeiras, de dous folios, que se repartían nalgúns santuarios. Levaban versos felicitando e chamando ós romeiros da bisbarra. A nosa Rosalía de Castro fixo algo así referente ó santuario de Muxía.

Como autor salientable que cantase ao Briño, temos a Labarta Pose (1863-1925) para quen se pide un Día das Letras Galegas. Os versos de Labarta teñen o humor característico. Lástima que vaian en castelán. A obra do señor Neira é ilustrada con fotografías clásicas. Son do fondo de Cabana, do arquivo Vidal e do propio autor.

Quédanos, pois, o estudo que o santuario do Carme do Briño merecía. A Consellería de Cultura e Turismo, así como o Concello de Cabana de Bergantiños reciban os nosos parabéns pola devandita publicación.